Escoitar

A Corporación demanda á Xunta a renovación das caldeiras dos colexios públicos para garantir o confort térmico

O Pleno da Corporación Municipal acordou hoxe, cos votos a favor dos grupos municipais do PSdeG-PSOE e do BNG e a negativa dos edís do PP, esixir á Consellería de Educación un plan “serio e calendarizado” para substituír todas as caldeiras dos colexios públicos da cidade coa finalidade de garantir o confort térmico da comunidade escolar, así como dotar ao CIPF Manuel Antonio do persoal docente necesario para atender a todo o alumnado.

luns, 29 dec 2025

A concelleira de Educación, Olga Alonso, demandou hoxe, ante a deficiente situación en que se atopan as caldeiras de numerosos colexios de Vigo, que os orzamentos da Xunta de 2026 fixen partidas concretas para renovar os actuais equipos por outros máis eficientes e que melloren a cualificación enerxética e a emisión de CO2.

A edil incidiu na transcendencia de renovar as caldeiras dos centros, xa que, ademais de ser antigas, acumulan numerosas deficiencias que inciden no benestar da comunidade educativa. “Un colexio non pode permitirse quedar sen calefacción no inverno”, afirmou, ao alertar da posibilidade de que esta situación teña lugar no CEP Celso Emilio Ferreiro “porque a caldeira está nas últimas e hai que cambiala”.

Olga Alonso apelou á Xunta a “non mirar para outro lado” e a solucionar os problemas dos colexios públicos de Vigo.


CIFP Manuel Antonio

O Pleno de Vigo tamén acordou hoxe reclamar á Xunta que dote ao centro de formación profesional Manuel Antonio do persoal docente necesario para atender a todo o alumnado, así como contar con especialistas de apoio e de orientación. Ademais, a demanda da estabilización do profesorado, así como a equiparación salarial do profesorado técnico co de Secundaria.

A Corporación Municipal tamén demanda á administración galega dotar ao centro de espazos adaptados ás necesidades de todas as especialidades impartidas no centro. “É necesario un compromiso real co CIFP Manuel Antonio, coa FP e co ensino público”, afirmou Olga Alonso.

Descargar todas as imaxes