Escoitar

Abel Caballero: “O Concello vai reformar a bancada de Tribuna, paguen ou non a Deputación e a Xunta”

O Pleno aprobou levar adiante a remodelación de Balaídos para o Mundial, solicitándolle á Xunta e á Deputación que contribúan a terzos. Saíu adiante “cos votos exclusivos do Goberno” e foi rexeitada por Partido Popular e Bloque Nacionalista Galego.

luns, 29 dec 2025

“Cando a Xunta e a Deputación condicionan o seu pagamento á participación do Estado, o que están a dicir é que non queren pagar e que non queren o mundial en Vigo”, afirmou con rotundidade o alcalde, explicando que “o Estado non financia remodelacións de estadios noutras cidades como Zaragoza, Las Palmas, Valencia ou Sevilla, onde o custo o asumen os clubs e as institucións locais ou autonómicas” e “o Goberno central encargarase das grandes infraestruturas necesarias para o evento”.

O Pleno de Vigo aprobou levar adiante a remodelación de Balaídos para o Mundial, solicitándolle á Xunta e á Deputación que contribúan a terzos. A moción saíu adiante “cos votos exclusivos do goberno” e foi rexeitada polos concelleiros de Partido Popular e Bloque Nacionalista Galego. Caballero confirmou que “o Concello vai reformar a bancada de Tribuna, pague ou non a Deputación e a Xunta”.

De feito, o alcalde indicou que xa se iniciaron os traballos de planificación para a construción dos novos colectores por valor de 5 millóns de euros, “unha obra que deberían financiar a partes iguais entre a Deputación, a Xunta e o Concello”. E explicou que “o Concello vai reformar a bancada de Tribuna, paguen ou non a Deputación e a Xunta” pero matizou, “iso si, se non achegan o que lles corresponde, non entrarán en Balaídos”. Finalmente, afirmou que “o Concello garantirá que Vigo teña o Mundial”.

Reprobación á Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático

O Pleno da Corporación Municipal do mes de decembro solicitou o cese da Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático pola súa “irresponsable xestión da presa de Eiras”, como explicou o edil de Fomento, Javier Pardo. A moción aprobouse con 16 votos favorables do Grupo Municipal Socialista; 3 abstencións do BNG e 4 votos en contra do Partido Popular.

Pardo sinalou que “a Consellería de Medio Ambiente ten actuado de xeito irresponsable, eludindo a súa obriga de actuar, sen asumir os seus labores de conservación e mantemento da presa”. Ademais, sinalou que pretendendo “xerar alarmismo e sacar rédito político dun problema que lles corresponde a eles arranxar, tras arrogarse hai xa tres anos as competencias de explotación e mantemento da presa”.

 

 

 

Descargar todas as imaxes