O Concello fixa como investimentos financeros sostibles proxectos por 22 millóns sen afectar ao teito de gasto
A Corporación Municipal aprobou hoxe, cos votos a favor do grupo municipal socialista e a abstención dos edís do PP e do BNG, a cualificación como investimentos financeiros sostibles de 22 actuacións programadas nas áreas de vías e obras, educación e deportes, por 22 millóns de euros, que non computarán como teito de gasto ao proceder do superávit de 2024, como fixa o Real Decreto Lei aprobado neste mes de decembro polo Goberno Estatal. Os investimentos forman parte da ampliación do orzamento en 72 millóns de euros.
O voceiro do goberno municipal, Carlos López Font, explicou que dos 22 proxectos contemplados como investimentos financeiramente sostibles, 11 correspóndense con actuacións en vías públicas e humanizacións; outros 2 centraranse na mellora en colexios e 9 teñen por obxectivo mellorar instalacións deportivas. “Son 22 millóns de euros que non se computarán como teito de gasto”, recalcou o edil ao apuntar que esta operación é posible pola “excelente situación económica-financeira do Concello de Vigo”.
O edil socialista recalcou a transcendencia de finalizar o ano co décimo noveno orzamento consecutivo aprobado. “O único gran concello de Galicia que ten hoxe aprobado o orzamento para 2026”, apuntou.
Actuacións
Os proxectos do departamento de Vías e Obras ascenden a máis de 14 millóns de euros. Inclúen as humanizacións das rúas Progreso, Doutor Cadaval, Pracer, Mondariz, Tomiño, así como a mellora do túnel de Beiramar e o plan de renovación de firmes e de viais, ademais das beirarrúas de de as rúas Cesáreo Vázquez, Canido, e Ricardo Mella. A mellora das cubertas dos colexios Celso Emilio Ferreiro e Lope de Vega contarán cun investimento de 1.850.000 euros.
A reparación do Pavillón de Coruxo e do frontón cuberto, así como os vestiarios dos campos de fútbol da Bouza, San Andrés de Comeseña, Santa Mariña, Candeán, Carballal e Meixoeiro contarán con 5.900.000 euros.