Escoitar

Abel Caballero: “Haberá continuidade na circulación dos vehículos que precisan acceder ás ZBE”

O alcalde deu conta da aprobación definitiva do proxecto das Zonas de Baixas Emisións tras estimarse diversas alegacións presentadas durante o proceso de exposición pública.

venres, 19 dec 2025

Entre as alegacións aceptadas, o rexedor destacou a relativa aos horarios de carga e descarga, que deberán axustarse ao establecido na ordenanza municipal reguladora correspondente. Así mesmo, estimouse outra alegación que garante expresamente o acceso ás actividades dos prestadores de servizos nas zonas afectadas.

Caballero explicou que o seguinte paso será a elaboración e aprobación da ordenanza específica das ZBE, que será a que regule “todo o ámbito xurídico, o control e a xestión destas zonas”. Nesa ordenanza estableceranse tamén as excepcións necesarias para asegurar unha implantación proporcionada, como o acceso de residentes, persoas con mobilidade reducida, aparcadoiros subterráneos e outras circunstancias particulares. “Ten que haber unha continuidade lóxica; a entrada en vigor das ZBE non pode ser desproporcionada”, subliñou.

O alcalde insistiu especialmente en que a actividade económica e a circulación de vehículos deben manter unha continuidade respecto da situación actual. “Ten que haber continuidade na actividade e na circulación dos vehículos que precisan acceder ás zonas, xa sexa por motivos sanitarios, comerciais ou residenciais. Trátase dunha evolución natural”, afirmou.

Finalmente, Abel Caballero foi contundente ao asegurar que “ninguén terá que cambiar de vehículo para acceder ás Zonas de Baixas Emisións”, xa que o Concello non pode nin vai impor esa condición unicamente polo feito de acceder a estas áreas da cidade.

Descargar todas as imaxes