Escoitar

A Xerencia de Urbanismo aproba o avance do Pepri Casco Vello

xoves, 7 xuñ 2001
imx315.jpg
O avance do Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Casco Vello (Pepri), desenvolvido por Consultora Galega, foi aprobado cos votos do BNG, as abstencións do PSOE e PP e en contra de Provi. A presentación pública será o sábado 9 de xuño no local da Federación ”Eduardo Chao”, situado na praza da Princesa.

Na exposición realizada no Consello da Xerencia de Urbanismo, o arquitecto César Portela destacou que o Casco Vello non se tratou no proxecto como unha peza illada do conxunto da cidade, aínda que se conservou a personalidade de seu. Este avance produce o desencadeamento do proceso de mellora urbanística na zona e presta atención especial ós espacios públicos de calidade, o que redundará na consideración social do Casco Vello, segundo explicou Portela.

Os obxectivos deste avance establecen o reencontro do Casco Vello co mar, a integración no conxunto do centro histórico e na cidade e maila a conservación do patrimonio arquitectónico e urbanístico. A conservación e posta en valor do patrimonio cultural existente, non só na zona catalogada como ben de interese cultural, senón tamén no resto do ámbito do Pepri do Casco Vello, e o deseño acaído dos mecanismos que permiten unha xestión efectiva das determinacións e previsións contidas nel son outros obxectivos que establece.

Entre os fins específicos está facilitar o proceso continuo da rehabilitación da vivenda, equiparar o Casco Vello co resto da cidade no que atinxe a dotacións urbanísticas, favorecer as comunicacións ó Casco Vello e deste ó exterior e, entre outros, mellorar a imaxe do solo, das fachadas e dos tellados e cubertas.

César Portela cre necesaria a participación dos cidadáns e dos poderes públicos e sociais no entendemento deste proxecto que permanecerá exposto nas oficinas da Casa rectoral para a súa consulta.
Descargar todas as imaxes