O Concello non prorrogará o contrato con Ryanair polos reiterados incumprimentos da compañía
A cancelación de voos por parte da aeroliña non afecta á previsión do aeroporto de Vigo dado que a fin da única ruta operativa de Ryanair estaba prevista para o 1 de xaneiro de 2026. A este respecto o alcalde insiste en que “non se prorrogará o contrato con esta compañía por non cumprir cos pregos”.

O alcalde vén de sinalar a Ryanair polos incumprimentos do contrato de promoción turística polos que a administración local sancionou á compañía con máis de 17.000 euros nunha ocasión e outros 50.000 por segunda vez hai uns meses.
Caballero lembrou que o Concello “non ten intención de renovar este contrato con esta compañía porque non é seria e non cumpre” e avanzou que o goberno local seguirá na promoción da cidade “onde o turismo funciona moi ben”. “Din que se van e consideramos que unha empresa así non poder ter ningún contrato con este Concello”, afirmou.
Ryanair a día de hoxe só opera en Vigo a ruta con Londres e que xa estaba prevista que rematase o 1 de xaneiro de 2026, cando finaliza o contrato de promoción turística asinado entre a aeroliña irlandesa e o Concello de Vigo.
Críticas á Xunta
Caballero puxo de manifesto que a retirada de Ryanair pon de manifesto o que el mesmo leva sinalando hai tempo: “A Xunta fai promoción de voos desde Santiago facendo competencia desleal a Vigo, aí está a proba. Agora marchan de Santiago”, concluíu.