Escoitar

Abel Caballero: “Levamos 18 anos facendo que Vigo se vista de verde”

Abel Caballero participou esta mañá en Madrid nun evento organizado pola Fundación Biodiversidade, baixo o título “Novos proxectos para impulsar a renaturalización de cidades españolas”. Esta xornada realizouse no marco do Fondo Europeo de  Desenvolvemento Rexional (FEDER) dada a súa importancia estratéxica. O Concello de Vigo obtivo unha concesión de 2,1 millóns para o plan municipal “Alcabre Verde”, cun custo total de 3,5 millóns.

mércores, 3 set 2025

A Fundación Biodiversidade, adscrita ao Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, organizou no día de hoxe as xornadas “Novos proxectos para impulsar a renaturalización de cidades españolas”, na que se deu a coñecer os novos proxectos que se presentaron nesta convocatoria. O Concello de Vigo é un dos entes que presentou proxectos a esta convocatoria de subvencións da Fundación Biodiversidade, que se encontran cofinanciados polos FEDER.

A inauguración das xornadas correu a cargo de Sara Aagesen Muñoz, Vicepresidenta terceira do Goberno e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, para a continuación, proceder a presentación dos proxectos a través de distintas mesas temáticas. O alcalde de Vigo realizou a súa intervención no apartado de “Restauración de espazos como conectores ecolóxicos da infraestrutura verde urbana”, na que estivo acompañado por Francisco Reyes (Presidente da Deputación de Jaén), Ramon Maria Torra i Xicoy (Xerente da Área Metropolitana de Barcelona), Francisco Carmona (rexedor de Andújar) e moderado por Nuria Preciado Franch, xefa da Área de Cidades da Fundación Biodiversidade.

Abel Caballero comezou a súa intervención destacando que “o primeiro día que pisei a alcaldía de Vigo sabía que tiñamos que realizar unha revolución medioambiental na cidade”, engadindo que dende entón “levamos 18 anos facendo que a cidade se vista de verde”. Relatou que en etapas anteriores do centro da cidade, “ver un espazo verde era un exercicio de imaxinación, porque non o había”, polo que “plantexamos un proxecto de rexeneración total e a cidade respondeu cun apoio total”. “Existen conceptos clave como a biodiversidade, que son chave a hora de xerar os novos espazos de vida”, expresou o primeiro edil vigués, expresando a necesidade “dun gran pacto global polo medioambiente” fronte ao “negacionismo climático”.

Vigo obtivo unha concesión, nesta liña de financiamento, de 2,1 millóns para o plan municipal “Alcabre Verde”, que terá un custo total de 3,5 millóns. O obxectivo do proxecto é mitigar os efectos paisaxísticos e ambientais da zona e mellorar a conectividade ecolóxica e social de Alcabre e Navia, apostando pola naturalización, dun xeito sostible e integrado na contorna.

A actuación principal e a continuación do corredor ecolóxico e sostible pola Avenida de Europa, cun carril bici que da continuidade ao da Avenida Castelao. Amais, haberá una renaturalización da zona litoral de Alcabre, con mellores conexións e zonas verdes. O proxecto busca humanizar a cuberta da VG-20 entre a Avenida Atlántica e a rotonda do Colexio Amor de Dios con novos paneis vexetais, reforestación das cubertas e conectividade peonil, tamén mellorar as conexións na paisaxe de Alcabre e o parque de Navia.

Descargar todas as imaxes