Escoitar

Caballero anunciou o inicio da Copa Vigo de fútbol, coas finais previstas en Coia o 13 de setembro (feminina) e o 8 de outubro (masculina)

O Concello de Vigo e a Real Federación Galega de Fútbol presentaron hoxe luns a Copa Vigo 2025 de fútbol para equipos locais de categorías autonómicas.

luns, 4 ago 2025

 

Nun acto dividido en dúas partes, a presentación en si en Alcaldía e o posterior sorteo na sala de prensa, o alcalde da cidade, Abel Caballero, saudou á numerosa representación dos clubs participantes, aos que felicitou polo seu esforzo diario a prol do fútbol "coloquialmente denominado modesto" e lembrou a “importancia, polo que significa, o trofeo de Vigo”, desta competición nada en 1933 para categoría masculina e no 2013 para a feminina. Caballero esmiuzou as novas que Concello, como patrocinador único, e a RFGF, como organizadora, acordaron para este verán. Así, o cadro masculino contará cunha participación de récord: 19 equipos competirán polo título, ao incluírse por vez primeira a Preferente, con dous representantes vigueses (CD Valladares e CP Alertanavia), pois tamén é unha división controlada polo estamento federativo galego. A outra novidade para este evento “de longa tradición na cidade”, como recoñeceu o rexedor, reside en que cada copa (masculina e feminina) terá o seu protagonismo diferenciado. Así, o campionato masculino arrinca en tres semanas (sábado 23) e a súa final xogarase o 8 de outubro. A feminina, con seis equipos (a mellor cifra en anos) comezará o 31 de agosto coa rolda previa, o 7 de setembro disputaranse as semifinais e o 13 de setembro a final. Ambas finais no Federativo de Coia e con entrada gratuíta. Nos últimos anos, o campo federativo encheuse para seguir o partido que decide o mellor equipo de Vigo.

O alcalde, acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, e pola edil de Turismo, María Lago, celebrou tamén o nomeamento de Cristian Vázquez como novo delegado arbitral en Vigo. “Faláronme moi ben”, dixo, para manifestar acto seguido que “o fútbol é un deporte excepcional” e que a Copa Vigo será, como ocorre desde a pandemia “o primeiro título da tempada”.

Acto seguido, os edís de Deportes e Turismo, xunto coa representación arbitral (Vázquez e os colexiados Alicia Andrés e Andrés León) e o delegado en Vigo da RFGF, Borja Arca, foron as mans inocentes no sorteo de emparellamentos copeiros. O Racing de Castrelos (Primeira Futgal) defende título no cadro masculino e o feminino contará con outro equipo campión no palmarés para suceder ao As Celtas B, que subiu a división nacional.

Descargar todas as imaxes