O Concello concederá a partir do 27 de agosto as primeiras licencias co novo PXOM
A partir do mércores 27 de agosto o Concello iniciará a concesión de licenzas axustadas ao novo Plan Xeral de Ordenación Municipal, ao superar o prazo de 15 días tras a publicación do documento, este luns, no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra. “Un notición, o mellor que podiamos escoitar porque o novo plan significará que xa podemos empezar a outorgar as licenzas axustadas ao novo ordenamento xurídico” afirmou o alcalde.

Abel Caballero destacou hoxe o cambio que encara o urbanismo de Vigo coa entrada en vigor do novo ordenamento xurídico. “Unha nova etapa na edificación de vivendas, e, sobre todo, de protección na cidade”, asegurou.
O alcalde remarcou que o novo PXOM prevé 51.467 pisos, dos que 14.000 contan con algún tipo de protección. A isto súmase a programación dos ámbitos exclusivos de vivenda protexida con investimento público, de Santa Cristina-Parque Central, Santa Cristina-Cantabria-Ramón Nieto e Ofimático, onde se construirán 4.200 vivendas “que necesariamente se van facer e que se teñen que facer”, apuntou.
O plan tamén prevé a construción de 200 vivendas protexidas en Santa Cristina-Parque Central, aos que que suman 1.500 a prezo taxado en Santa Cristina-Cantabria- Ramón Nieto e outras 2.000 no Parque Ofimático.
Caballero recalcou que os ámbitos de Guixar, Ferreiras-Bembrive, Batalla-Beade e Santa Cristina-Severino Cobas, contarán co 50 por cento ou máis en réxime de protección: 700 vivendas a prezo taxado. “Estamos na disposición de que se poida resolver e iniciar a resolución o problema do alugueiro en Vigo”, remarcou o rexedor, tras sinalar que en “Vigo o prezo do alugueiro é carísimo porque a Xunta de Feijóo non fixo practicamente nin unha vivenda de protección de arrendamento en 17 anos de goberno da Xunta”.
Débeda histórica de vivendas da Xunta con Vigo
Caballero incidiu en que a débeda adquirida pola administración galega con Vigo ascende a preto de 5.000 vivendas por non construír, nos 17 anos do mandato do Partido Popular, unha media anual de 400 pisos de protección. “Débennos 5.000 e construíron 62 en chan cedido polo Concello”, afirmou ao recalcar que se a cidade contase con oferta de vivenda de protección os seus prezos serían máis accesibles.
O alcalde remarcou que coa entrada en vigor da novo PXOM o Concello “imos iniciar a construción de vivenda pública de alugueiro” para apoiar aos mozos.
.