Vigo reclama á Xunta máis investimentos na mellora e conservación dos recursos medioambientais
O Pleno municipal acordou hoxe, cos votos a favor do grupo municipal socialista e a negativa dos edís do PP e do BNG, instar á Xunta a aumentar a súa implicación na conservación, mellora e posta en valor dos recursos ambientais de Vigo, co investimento de 5 millóns en Vigonature e na restauración dos bosques periurbanos.

A concelleira socialista Nuria Rodríguez, responsable da área de Medio Ambiente, reprochou este luns á Xunta a escasa dotación económica da iniciativa “Galicia Refuxio Climático”, xa que os 6.000 euros que corresponderían a Vigo, dos dous millóns do programa autonómico, son insuficientes para calquera das iniciativas ambientais da cidade.
A edil denunciou a deficiente actuación ambiental da administración galega na xestión e conservación dos patrimonios naturais, que no caso de Vigo inclúe ao Parque Nacional Illas Cíes; ou na protección dos recursos hídricos, co Concello como único actor na retirada de especies exóticas invasoras; así como na promoción e protección da biodiversidade, ou a restauración de ecosistemas, entre outros temas que afectan á cidade.
Nuria Rodríguez lembrou que a administración municipal atende cos seus recursos numerosas actuacións que son competencia da Xunta de Galicia.
A edil recalcou que a Xunta, mentres en Vigo non inviste en política ambiental, preocupase por regular as actividades con impacto ambiental e que resulta “curioso” que dentro da recente orde da “Estratexia galega da Infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas” aparece a “mutilación” da zona de Altri "favorecendo a unha megafactoría no corazón de Galicia".