O goberno municipal inicia a desmontaxe dos asentos da bancada de Gol
O pasado venres o Estadio Municipal de Balaídos acolleu o derradeiro encontro con seareiros ocupando a vella bancada de Gol. A obra da nova grada conta cun investimento de 26 millóns de euros e a previsión é que estea rematada a principios de 2027.

As obras principiaron o pasado mes de xaneiro e na mañá deste luns “iniciamos os traballos de desmonte dos asentos da bancada de Gol” e a retirada dos focos, explicou o alcalde. Este proceso culminarase “ao longo desta semana”, tendo en conta que están "en bastante bo estado e o Celta vainos distribuír entre clubs de categorías inferiores”.
Xa no mes de marzo procederase ás demolicións interiores e, en abril, terán lugar os derribos de maior alcance, que culminarán coas “cubertas de cemento”. Caballero anunciou que, como no caso da construción da bancada de Marcador Centenario, o Concello de Vigo entregará como recordo un anaco do formigón de Gol, nunha plataforma de metacrilato, á cidadanía que o soliciten.