Escoitar

O Alcalde de Vigo acude á presentación do programa PRODER II no Castelo de Soutomaior

O Alcalde e presidente da Mancomunidade de Vigo, Ventura Pérez Mariño, calificou de ambicioso e importante o Programa PRODER II que hoxe foi presentado no Castelo de Soutomaior, nun acto no que tamén participaron o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, Juan Manuel Diz Guedes; e o Alcalde de Soutomaior e presidente da ADR-MAIV, Agustín Reguera Ocampo.

martes, 18 nov 2003
Pérez Mariño explicou durante a súa intervención que neste momento é fundamental optimizar recursos para seguir traballando na boa dirección.

O programa, impulsado pola Asociación de Desenvolvemento Rural da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo (ADR-MAIV) e que se desenvolverá ata o ano 2008, conta cun orzamento total de 11.511.848 euros, ao que contribúen o FEOGA, o MAPA, a Xunta, a Mancomunidade de Vigo, ademais das propias entidades peticionarias. As liñas do programa abranguen dimensións como o achegamento da poboación ás novas tecnoloxías da comunicación, a modernización do sector agroforestal, a creación e consolidación de empresas, o fomento dos recursos turísticos ou a valoración do patrimonio natural e cultural.

O programa desenvolverase nos termos municipais de Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Soutomaior e seis parroquias do ámbito municipal de Vigo (Beade, Bembrive, Candeán, Saiáns, Valadares e Zamáns).