Escoitar

O Goberno de Vigo reúnese no renovado Pazo da Raposeira

Abel Caballero afirmou durante a primeira reunión do goberno local organizada no Pazo da Raposeira que “somos conscientes do inmenso apoio que nos dá a cidade e continuaremos respondendo”. Dous días antes do apagado das luces previsto o vindeiro domingo, o alcalde referiuse ao período de Nadal como un "éxito incontestable".

venres, 10 xan 2025

O Pazo da Raposeira será “un lugar de utilización para a cidade”, resaltou o rexedor olívico, explicando que “queremos que a cidadanía solicite a utilización dos espazos públicos desta xoia arquitectónica”. Así o declarou durante a celebración do primeiro encontro do goberno local organizado neste edificio municipal recentemente rehabilitado.

Abel Caballero explicou aos medios de comunicación que, nesta reunión, o goberno local realizou unha valoración política da situación de Vigo, destacando a estabilidade política que supón para un goberno municipal a aprobación de 18 orzamentos consecutivos”, o que significa “o avance da cidade e a posibilidade de programar este avance".

Futuro

O alcalde realizou un repaso aos grandes proxectos de cidade para este 2025, comezando porque “de forma inmediata se aprobará o PXOM” e posteriormente "contaremos cun desenvolvemento moi importante en vivenda, sendo axentes activos dende o goberno de Vigo”. Tamén se referiu á situación dos alugueiros, explicando que o municipio conta con 13.000 vivendas baleiras, sobre as que Caballero indicou que nestes intres “iniciamos un programa de potenciación do mercado a través de apoios a reformas e seguros de alugamento” e “seguiremos traballando nesa liña”.

As humanizacións na cidade “continuarán a maior velocidade”, así como os proxectos do Vigo Vertical, no que en breve arrincaremos coas ramplas da Gran Vía, da Praza de América á Praza de España e destacou o investimento que se realizará na piscina de Teis, que custará case 7 millóns de euros. No ámbito cultural, referiuse aos avances na Biblioteca do Estado e á Biblioteca de Teis. Tamén puxo en valor o investimento municipal en política social e educativa.

“En breve iniciamos a reforma da Avenida de Madrid”, unha obra que “pasará de ser a estrada de acceso a Vigo a unha gran avenida”, avanzou, e aínda sobre infraestruturas apuntou que "como alcalde de Vigo pido a gratuidade da AP-9” demandando “celeridade total na eliminación da peaxe con Pontevedra”, xa que “somos unha grande área urbana e temos problemas de conexión”.

Caballero tamén se referiu ás tres grandes demandas da cidade. Sobre a conexión de Alta Velocidade entre Vigo e Porto, explicou que o Goberno de España garante o 2030, pero “existen dúbidas de que Portugal chegue a tempo”. Congratulouse do gran avance realizado co desenvolvemento da autovía en túnel de Vigo a Porriño e recalcou que a gran demanda da cidade “é a conexión directa en tren a Madrid por Cerdedo”.

Descargar todas as imaxes