Caballero anuncia a Érguete e Corre para este domingo, como peche do Run Run Vigo
Acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, e por Elvira Rivas, directora de Érguete, ademais de por diversos patrocinadores privados, o rexedor definiu a proba como “unha carreira chea de atletismo, deporte e sentimentos para unha causa xusta”.
A Érguete e Corre, carreira solidaria que se vai celebrar co Centro Comercial Vialia como epicentro, está fixada para este domingo (10:00 horas) e vai pechar o circuíto de carreiras populares Run Run Vigo, anunciou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, na presentación do evento.
A carreira, que mantén aberta a inscrición ata as 23:59 horas deste mércores no portal oficial (www.magmasports.es), conta xa con máis de 600 participantes entre as probas para nenas e nenos (10:00), a saída en bicicleta (10:55) e a carreira sénior para o 5K, o 10K e a andaina (11:00 horas). Dende 2022, esta cita ten como punto de comezo e remate a terraza do CC Vialia. Será de novo un circuíto de 5.000 metros pola Vía Verde ao que os inscritos no 5K deberán dar unha volta, e dous os do 10.000. Ambas distancias, con puntuación para o Run Run Vigo, o circuíto municipal de carreiras populares, que esta competición pecha por segundo ano consecutivo.
A directora de Érguete, Elvira Rivas, dixo que os fondos da proba irán para apoiar a vivenda para mulleres, “única en Galicia”, que xestiona e estivo a reformar, tamén co apoio municipal, e para preparar os actos do corenta aniversario de Érguete, en 2025.