Escoitar

O Concello volverá levar as ceas de Nadal ás persoas usuarias do SAD e de Teleasistencia

O Concello aumentará este ano o número de persoas beneficiarias das ceas de Nadal a domicilio destinadas aos usuarios dos servizos de Axuda no Fogar e de Teleasistencia que viven soas, segundo avanzou este martes o alcalde ao indicar que xa se rexistraron 300 solicitudes.

martes, 26 nov 2024

Abel Caballero adiantou hoxe que o Concello avanza nos preparativos para entregar a domicilio os menús especiais de Nadal ás persoas que viven soas ou que están acompañadas por persoas tamén vulnerables.

O rexedor explicou que, en función das chamadas que realiza a concellería de Política Social aos usuarios dos servizos de Axuda no Fogar e de Teleasistencia, as expectativas para este ano é que o número de beneficiarios sexa susceptiblemente maior ao rexistrado en 2023, cun total de 154 menús entregados. “Este ano, a estas alturas, xa temos 300 persoas que demandan esta cea de Nadal e cremos que podemos estar ao redor das 500”, afirmou Caballero ao incidir en que “non podemos permitir que en Vigo ninguén quede sen a simbólica e tan importante, afectivamente, cea de Nadal por estar en soidade e non ter recursos. Por iso imos facer, de novo, un menú a domicilio para levar a todas as persoas destes servizos para que poidan cear con toda a dignidade que lles corresponde”, indicou.

“Esta é nosa contribución pero rebelámonos contra da idea de que ningunha persoa, fundamentalmente, quede sen cea de Nadal. Teñen que tela e para iso está o Concello de Vigo”.

O comedor do albergue municipal tamén volverá contar cun menú especial os días 24, 25 e 31 de decembro, segundo recalcou hoxe o rexedor.

Descargar todas as imaxes