O XIII Concurso de Instrumentos de Corda conta coa participación de 83 músicos menores de 24 anos
A XIII edición do Concurso de Instrumentos de Corda Cidade de Vigo, que se celebrará desde o vindeiro mércores 4 de decembro ata o domingo 8 no Conservatorio Superior de Música co apoio do Concello, rexistra récord de participantes coas interpretacións de 83 músicos menores de 24 anos de España e de Portugal.
O concelleiro de Cultura, Gorka Gómez, animou hoxe á cidadanía de Vigo a mostrar o seu apoio aos músicos novos españois e portugueses que participan na décimo terceira edición do Concurso de Instrumentos de Corda Cidade de Vigo asistindo ao certame organizado pola Asociación Galega de Instrumentos de Corda, en colaboración co Concello de Vigo, no Conservatorio Superior do Castro. “Esta acción cultural é moi importante para a cidade porque conta con participantes novos e iso é estimular a súa presenza e apoialos”, afirmou o edil.
O secretario da Asociación Galega de Instrumentos de Corda, Pedro Fernández, destacou que a participación de 83 instrumentistas de violín, viola, violoncelo e contrabaixo, evidencia a consolidación do certame.
Programado entre o 4 e o 8 de decembro, o concurso converteuse nun “punto de encontro obrigatorio e recoñecido dentro da península Ibérica”, segundo afirman os organizadores.