Vigo aproba o seu 18º orzamento consecutivo, o máis alto da súa historia, con 334.616.975 euros
Vigo é a primeira cidade galega en aprobar as contas para 2025 en Xunta de Goberno, cun montante de 334.616.975 euros, un 5,3% máis que o ano pasado. Trátase do décimo oitavo orzamento aprobado de forma consecutiva, o que da conta da estabilidade da que goza a cidade.
O orzamento municipal para 2025 ascende a 334.616.000 euros, o que supón 18 millóns e un 5,3% máis que o ano pasado, cando a cifra foi de 316.636.310 euros. Trátase, explicou o rexedor, do décimo oitavo orzamento consecutivo en tempo en forma, en consonancia coa etapa de estabilidade política que vive a cidade desde 2007.
Son unhas contas impulsoras da economía, nun contexto no que é preciso utilizar o gasto público para seguir impulsando o crecemento económico e a marcha da cidade. “Se caracterizan pola solvencia económica”, dixo, “a única cidade galega con débeda cero” e o menor prazo de pago a provedores, cun prazo medio de 8,5 días.
Os investimentos alcanzan os 44.644.462 millóns, 7,2 millóns máis que en 2024 (+16%), cando a cifra xa era “superlativa” con 37.429.215 euros, polo que o total do capítulo de inversión alcanza os 47.990.142 euros. Segundo estas cifras, un 14% do gasto público municipal vai destinado directamente a inversión ou o que é o mesmo “á transformación da cidade e ao impulso da economía e isto é posible porque somos bos xestores”.
O alcalde engadiu outras partidas que tamén impulsan a nosa economía, como as políticas de fomento de emprego o a potenciación do sector servizos: Emprego, con 5.212.586 euros; Turismo, 3.505.978 euros e Festas, con 5.280.180 euros. Todas estas partidas crecen respecto a 2024.
Trátase, subliñou, dun orzamento eminentemente social social, dirixido a atender as necesidades das persoas. No capítulo de Servizos Sociais e promoción social a cifra elévase a 25,3 millóns euros, incluíndo a partida de Igualdade e a xestión de Cedro. En materia educativa, falamos dun orzamento estable de 18.147.298 euros; en Cultura, con 18.544.050 euros, a subida é de 1,5 millóns máis que o ano paado (+8%) e en Deportes, con 18.968.678 euros, experimenta un crecemento de 995,659 euros, un 5,2% más.
Caballero defendeu un orzamento “redistributivo” que crece nun 5,35% o importe das subvencións, ata situarse en 34.826.350,46 euros, o que representa un 10,4% do total de gasto.
As contas municipais para 2025, destacou, están deseñados para atender aos servizos públicos: a) seguridade e mobilidade cidadá, 45,2 millóns; Benestar comunitario: 63,4 millóns, que inclúe educación, deporte, igualdade, benestar social; Medio Ambiente, con 17,4 millóns de euros e finalmente, Transporte público, dotado con 16,7 millóns.
Investimentos
O goberno de Vigo prevé para 2025 un capítulo de investementos de 48 millóns para distintas actuacións, o que supón un 16% máis que o ano anterior.
A maior partida é para a grada de Gol do Estadio Municipal de Balaídos, cun orzamento de 13 millóns de euros. O documento tamén recolle a humanización da Avenida de Madrid cun importe de 9,15 millóns de euros. Outras accións destacadas dentro do programa Vigo Vertical son as ramplas mecánicas de Pintor Colmeiro e Pintor Lugrís, tamén as do Paseo Granada e o ascensor entre Marqués de Valterra e Torrecedeira. O Concello reserva case 1 millón de euros para o edificio de vivendas de alugueiro social na rúa Esturáns e outro millón para dotacións e material para o Corpo de Bombeiros.
A Biblioteca de Teis conta cunha partida de 900.000 euros. No mesmo barrio remodelarase o mercado con 600.000 euros e comezará a construción da nova piscina de Teis co mesmo importe. O parque Finca Matías ten orzamentado 785.000 euros. Haberá un novo parque ao lado da rúa Palencia, na praza Fernando Elorrieta Rey, por valor de 765.000 euros. Mellorarase o parque de Navia por case medio millón de euros e construirase o novo parque do Berbés polo mesmo importe. Para parques biosaudables e infantís resérvase unha partida de 300.000 euros. Segundo avanzou o alcalde, construiranse parques caninos na cidade.
As humanizacións de San Roque e Ruiseñor suporán un investimento de 700.000 euros, a humanización de Cesáreo Vázquez e un plan para a humanización nos barrios con novas beirarrúas suman 600.000 euros. Tamén hai partida para o aparcadoiro en Matamá, melloras no Auditorio de Castrelos e nas dotacións deportivas e culturais.
O túnel da Porta do Sol aparece no documento de orzamentos cunha partida de 100.000 euros para comezar os traballos e conectar Policarpo Sanz con Torrecedeira.
“Isto é a grosso modo o modelo do orzamento”, declarou o alcalde, que subliñou a importancia da “estabilidade política” e que “Vigo é a cidade coas mellores finanzas de España”.