O goberno municipal dedica 150.000 euros a entidades sen ánimo de lucro e ONG’s
A Xunta de Goberno Local vén de dar luz verde ás subvencións para 44 entidades sen ánimo de lucro e para seis organizacións non gobernamentais que realizan proxectos de cooperación internacional.

Abel Caballero informou este martes da aprobación por parte da Xunta de Goberno Local de subvencións por valor de 90.000 euros a 44 entidades e asociacións sen ánimo de lucro que desenvolven actividades de alcance social. Segundo explicou, estas organizacións prestan apoio a persoas con distintas afeccións de saúde que reciben apoio terapéutico e que atenden a maiores e a persoas que necesitan acompañamento.
Tamén quedaron aprobadas as subvencións por un importe de 60.000 euros para proxectos de cooperación internacional de seis ONG’s: Amap-Asociación Mundial de Axuda a Pobos Necesitados para programas de educación en Uganda e Mozambique; a Fundación Cume para o desenvolvemento de Culturas e Pobos para proxectos de formación de mulleres en Bolivia; a Fundación Amigó para melloras da educación en Benin e Perú e a Asociación Harambee para reducir a mortalidade infantil no Congo provocada por enfermidades como a anemia.