O Concello abre este mércores o prazo de solicitude das becas de comedor ás que destina máis de 2 millóns de euros
Abel Caballero anunciou a apertura do prazo de presentación das solicitudes das becas de comedor do novo curso escolar ás que o Concello destina 2.069.405 euros. “Todo o mundo, xa, que empece a facer a solicitude das becas de comedor”, recomendou o alcalde. Os que cumpran as bases terán ata o 12 de setembro.
O Concello tramitará, desde mañá mércores 14 de agosto ata o 12 de setembro, as solicitudes das becas municipais para o comedor escolar. Poderán presentarse por internet a través da web municipal, ou de forma presencial na lonxa do Concello, segundo explicou hoxe o alcalde.
Caballero lembrou que o Concello de Vigo asume a concesión das bolsas ante a negativa da Xunta de Galicia a afrontar a súa obrigada competencia de facilitar axudas ás familias para que afronten o gasto do comedor escolar, coma fan os gobernos das comunidades de Andalucía o de Extremadura. “As bolsas de comedor de Vigo teñe que dalas o Concello porque non as dá a Xunta de Galicia”, recalcou o rexedor.
Sen listas de espera
As solicitudes carecerán, de novo, de lista de espera. “Todo o que cumpra as bases e teña o dereito á bolsa, tena garantida”, reafirmou Caballero ao lembrar que no primeiro mandato como alcalde mil estudantes estaban á espera de contar con esta axuda a pesar de que só se concedían outras mil. “Cando eu cheguei á alcaldía, tras un goberno de coalición do PP e do BNG, daban apenas bolsas e todo o mundo en lista de espera”, lembrou Caballero.
Coa finalidade de que acceda a unha axuda o maior número de familias, o Concello fixa que entre os conceptos susceptibles de redución da renda figure o prezo do alugueiro.
Caballero lembrou que o goberno de Vigo destina 2.069.405 euros ás becas de comedor, dos que 1.427.000 euros correspóndense coa actual convocatoria e outros 642.000 euros coas tramitadas a través de FOANPAS. “Tanto as axudas de FOANPAS como a nova convocatoria son becas pagadas polo Concello de Vigo”, incidiu o rexedor.