O Concello concedeu esta semana 81 axudas de emerxencia por valor de 21.000 euros
A comisión municipal de axudas de emerxencia aprobou esta semana a concesión dun total de 81 apoios por un importe de preto de 21.000 euros. A maior parte destínanse ao pago de alugueiros e alimentación, segundo remarcou este mércores o alcalde. “Nos, en Vigo, non queremos que ninguén quede abandoado á súa sorte”, afirmou.
Abel Caballero explicou esta mañá que, das 81 axudas de emerxencia aprobadas esta semana polo Concello, un total de 32 son para atender gastos de alimentación, por valor de 8.932 euros. Sobre o total, outras 25, destínanse ao pago de alugueiros, cun importe de 7.036 euros. Tamén se deu resposta as peticións para afrontar os recibos da auga, da luz e do bonotaxi, entre outras.
O rexedor lembrou que as axudas concedidas polo ente municipal son compatibles coas liñas de apoio doutras administracións, “de tal modo que cobre os casos de extrema necesidade”. Apuntou que as persoas sen recursos que residen en Vigo contan co “ingreso mínimo vital, a Risga, que cada vez xoga menos papel desde a Xunta, e coas axudas de emerxencia” que concede cada semana a administración municipal.
En 2023, o Concello de Vigo concedeu preto de 5.000 axudas por valor de 1.300.000 euros, apuntou o rexedor. “Seguiremos facéndoo porque é a forma máis eficaz da política social e de atender ás necesidades”, afirmou tras lembrar que a cobertura social do Concello abarca á dependencia, o apoio ás familias vulnerables así como aos nenos con necesidades especiais, entre outras.