O goberno aprobou hoxe obras de humanización e pavimentación cunha inversión superior aos 3 millóns de euros
A Xunta de Goberno do Concello de Vigo aprobou hoxe obras de pavimentación e humanización nas rúas San Roque, Couto de San Honorato, Zamora, López de Neira, Pazo, en Bouzas, República Arxentina e Rosalía de Castro, por un importe de 3.031.794 euros.
O alcalde destacou que os máis de tres millóns de euros en obras de humanización e pavimentación aprobadas na Xunta de Goberno de hoxe son “a nosa forma de proceder” porque os cinco proxectos aprobados nesta última semana “superan mandatos enteiros de gobernos anteriores, só nunha semana”.
Abel Caballero explicou que nas rúas San Roque e Couto de San Honorato realizaranse obras orzamentadas en preto de dous millóns de euros, e que contarán cun prazo de execución de dez meses. O rexedor avanzou que o proxecto contempla construír unha nova praza na confluencia das rúas San Roque e Couto de San Honorato, e que tamén se aumentarán os espazos para os peóns, así como a seguridade da circulación. A isto hai que sumar a construccion dun carril de aparcamento entre as rúas Talude e Gregorio Espiño, a renovación das redes de abastecemento, de saneamento, e da iluminación pública. A zona contará coa instalación de novo mobiliario urbano como bancos, papeleiras e aparcabicis. “Unha gran humanización da rúa San Roque e dunha parte de Couto de San Honorato”, afirmou.
O alcalde detallou a aprobación do proxecto de humanización da rúa Pazo, en Bouzas, que contará cun investimento de 435.000 euros. “Imos solucionar os problemas dunha rúa moi degradada, garantindo a seguridade”, recalcou. Acto seguido indicou que se renovará o pavimento con materiais acordes coa contorna, e que se creará unha plataforma única priorizando aos peóns. A isto hai que engadir que se renovarán todos os servizos, e que se instalará novo mobiliario urbano, ademais de nova vexetación con distintos elementos como arbustos e enredadeiras ornamentais.
A rúa Zamora será pavimentada íntegramente cun investimento de 345.000 euros, segundo avanzou Abel Caballero ao indicar que o proxecto contempla reparar os danos do vial e repoñer todo o firme da calzada, ademais da sinalización horizontal afectada polas obras.
Entre os acordos de hoxe tamén figura a reparación do tramo de rúa Doutor Cadaval que se atopa en peor estado. A intervención, cun orzamento de 73.440 euros, que terá lugar entre Progreso e López de Neira, servirá para renovar o pavimento desde a Porta do Sol ata Progreso. “Unha humanización consistente para a rúa Doutor Cadaval”, asegurou o alcalde.