O Concello aproba a creación duhna nova praza en Hernán Cortés
O goberno municipal de Vigo aprobará definitivamente mañá o reparcelamento da unidade de Hernán Cortés, na confluencia entre as rúas María Berdiales, Hernán Cortés e Colmeiro Laforet, que pasará a contar cunha praza de uso público de 817 metros, segundo adiantou este xoves Abel Caballero. “Trátase dunha actuación estrutural de mellora importante na cidade de Vigo”, afirmou o alcalde.
O alcalde adiantou hoxe que esta semana finalizan as obras de demolición dos edificios entre as rúas Hernán Cortés, María Berdiales y Colmeiro Laforet, que ata hai uns meses se atopaban en situación de ruína e marxinal. “A zona xa está preparada para iniciar o desenvolvemento do proxecto”, afirmou Caballero.
O céntrico ámbito conta cunha superficie de 1.760 metros cadrados onde, ademais de contar cunha praza nova dotada con máis de 800 metros cadrados a custo cero para o concello, construiranse vivendas. Ademais, haberá un carril de tres metros para o tránsito na zona. “Toda a zona vai ter espazos verdes e arboledo”, recalcou o alcalde.
Caballero detallou que entre as importantes melloras que rexistrará o ámbito destaca "a súa reordenación, porque estaba nunha situación que acababa literalmente nun calexón; conectar a nova praza coa rúa Simón Bolivar; tapar as medianeiras que son elementos negativos, e tamén aparecerá unha zona de uso comercial e aparcamentos baixo a praza que neste momento está a crearse coa derriba dos edificios”.