Escoitar

O Pleno rexeita a subida da taxa de Sogama por parte da Xunta de Galicia

A moción foi respaldada polo Grupo Municipal Socialista, coa abstención de BNG e o voto negativo do Partido Popular. Abel Caballero expuxo que se trata dun “espolio” ao ter que “facer fronte a 8,5 millóns de euros” adicionais.

luns, 29 xul 2024

No Pleno Ordinario do mes de xullo aprobouse a moción socialista rexeitando a subida da taxa de Sogama por parte da Xunta de Galicia. Contou con 18 votos favorables (PSdeG), 3 abstencións (BNG) e 5 votos en contra (PP).

A moción foi defendida polo segundo tenente de alcalde, Javier Pardo, que sinalou que “nos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2024, estímase que a empresa terá un beneficio de 300.000€, polo que non é certo que sexa deficitaria”. "Esiximos ao goberno galego que mude a súa política de xestión de residuos cara unha xestión descentralizada de plantas de proximidade”, dixo.

O rexedor vigués tamén mostrou hoxe a súa disconformidade coa medida, cualificou a subida do canon de “espolio” ao ter que “facer fronte a 8,5 millóns de euros” adicionais, e recalcou que “o Partido Popular apoia que Vigo pague moitísimo máis para cubrir as ineficiencias de Sogama e o Bloque tampouco votou en contra”.

Moción AP9

Tamén se aprobou a moción presentada polo Bloque Nacionalista Galego, que solicitaba o rescate da AP-9 e a súa transferencia a Galicia. O portavoz do BNG, Xabier Pérez Igrexas expuxo que “non existen razóns para transferir a AP-9, como non as hai para finalizar a concesión e que pase a ser unha autoestrada galega e libre”. A moción foi respaldada por 8 concelleiros (BNG e PP), coa abstención doutros 17 do Grupo Municipal Socialista.

 

Descargar todas as imaxes