Escoitar

Exposición "Malas Artes: Arquitrabes"

Dende o 17 de outubro ata o 16 de novembro estará aberta na Sala dos Peiraos unha exposición colectiva que reflexiona sobre arte e arquitectura. Nesta edición presentarase como novidade unha web que serverá de escaparate virtual de tódalas exposicións abertas ata o momento.

xoves, 16 out 2003
1066313806arquitrabes.jpg
Arquitrabes
Co nome de Arquitrabes (a construcción primixenia e primordial do aquitectónico) estase a reunir a un fato de artistas mozos que fan da arquitectura un elemento de reflexión, un contedor de significados artísticos, un catalizador de experiencias creadoras. Non en vano a arquitectura é quizais o referente artístico fundamental da cidade de Vigo, o espello onde se reflexa o seu devir criativo, social, económico e cultural.

Cada un dos artistas presentan os seus traballos inéditos, realizados dende a plástica máis contemporánea dos novos valores que están a xermolar no panorama artístico galego. Nesta edición participan:

José Ángel Chas fotografa entornos arquitectónicos abandonados que enmarca en antigos marcos de molduras estragadas polo tempo e a historia (igual que os escenarios decrépitos representados nas instantáneas).

Cristina Iglesias Reyes debuxa sobre a superficie branca da galería, fragmentos de entornos domésticos que se siluetean no muro, a modo de perfís de sombras.

Juan Rivas presenta unha serie de pequenos óleos nos que pinta porcións dunha realidade espiritual de Galiza: os entornos de lugares e aldeas que inzan todo o territorio.

Laura Verísimo Amor constrúe dentro da sala dos Peiraos unha construcción feita con túl negro que é tanto un reducto espiritual, como un cuarto para a inquedanza.

José Rosendo Cid ergue esculturas nas que reflexiona sobre a esencialidade dos planos arquitectónicos e sobre un estereotipo: o da construcción doméstica por antonomasia, a casa.

Sara Fuentes recrea nas súas maquetas e caixas policromadas significados propios, de maneira que a pulcritude desas gavetas semellan cofres metafísicos condensadores de significados.

MALAS ARTES

Cómpre lembrar que Arquitrabes é a quinta exposición dun proxecto conxunto que baixo o epígrafe de MALAS ARTES estase a desenvolver pola Concellería de Cultura de Vigo na Sala dos Peiraos.

Aí estanse amosando os proxectos artísticos máis radicais, anovadores e arriscados do actual panorama artístico galego. Malas Artes está a server como plataforma de lanzamento dos novos valores artísticos, como observatorio onde atoparnos cos proxectos plásticos máis arriscados e rachadores do panorama expositivo galego no que se refire a artistas mozo/as.

Ao longo destas pasadas cinco exposicións teñen pasado pola Sala dos Peiraos un importante número de criadores que teñen amosado á cidadanía viguesa todo tipo de creacións, realizadas no más variados soportes e guiados sempre por unha implicación da arte co mundo de derredor: o deseño industrial (Prototipos), as palabras (Verbalidades), a moda textil (Prêt-à-Porter), ou as máquinas (Maquinacións) foron os temas tratados ata o de agora.

O horario de apertura da Sala dos Peiraos (Praza da Constitución, 14 – 1º) é:
- Luns a venres: 18:00 a 21:30
- Sábados: 11:00 – 14:00 e 18:00 a 21:30
- Domingos: 11:00 – 14:00

ESPACIO WEB DE MALAS ARTES

Como novidade nesta edición, o programa Malas Artes disporá dun espacio web ó que se pode acceder a través de www.vigo.org/malasartes.

Neste espacio, aparte de presentar o proxecto Malas Artes, poderase visitar as distintas exposicións realizadas ata o momento. Ademais, preténdese crear un espacio de participación no que os artistas noveis invitados dean a coñece-la súa obra e intercambien proxectos, ideas, etc..
Descargar todas as imaxes