Caballero reforza Zona Franca co nomeamento de David Regades
Abel Caballero anunciou este martes o nomeamento de David Regades como delegado do Estado da Zona Franca de Vigo e da concelleira Ana Mejías como tenente de Alcaldía. Explicou que a súa decisión de recuperar ao exdiputado para volver asumir a dirección do Consorcio débese ao dobre obxectivo de “fortalecer a acción no ámbito de Zona Franca e da economía de Vigo”, e de reforzar o Goberno municipal coa creación dunha tenencia de Alcaldía ao redor das áreas da tecnoloxía, a economía e da produtividade, que será asumida pola concelleira Ana Mejías “para cooperar desde o Concello de forma activa coa economía de Vigo”.
O presidente de Zona Franca e alcalde de Vigo, Abel Caballero, tras destacar a experiencia acumulada por David Regades durante o seu primeiro mandato como delegado do Consorcio, adiantou que entre os factores que determinaron a reincorporación ao cargo “do mellor delegado da historia do Consorcio” atópase a estratexia de “reforzar aínda máis o papel da nova Zona Franca, que vai xogar aínda máis papel en Vigo que o que xogou ata o de agora, e iso que xa David Regades fixo que xogase un papel excepcional”.
Caballero, ao poñer en valor a toma de posesión como deputados do Parlamento de Galicia os concelleiros de Vigo Elena Espinosa e Carlos López Font, avanzou que realizará “algúns axustes finos na organización do goberno municipal”. Neste contexto enmárcase o nomeamento da concelleira Ana Mejías como tenente de alcaldía responsable das áreas de tecnoloxía, economía, produtividade e as novas formas de entender á organizacións empresariais "para desde o Concello cooperar de forma activa con toda a economía da cidade". O alcalde incidiu no traballo "excepcional" a desenvolver por Mejías pola súa formación como enxeñeira industrial e profesora da Escola de Enxeñeiros Industriais, "e por tanto, unha gran coñecedora do mundo da tecnoloxía, da empresa, da organización empresarial e da produtividade, tan importante neste momento. Unha muller cunha traxectoria única".
Forza de Vigo
O rexedor recalcou que “Vigo ten tal forza que ocupa, primeiro, o goberno de Vigo coa maioría máis importante de toda Europa; segundo, ocupamos Zona Franca e, terceiro, ocupamos a subdelegación do Goberno en Pontevedra con outro exconcelleiro de Vigo”. A isto suma a “importante presenza en Madrid” a través da senadora Carmela Silva, “que é a relación inmediata co Goberno de España”; as reunións periódicas que mantén co presidente Pedro Sánchez por formar parte do máximo órgano do Partido Socialista” e a representación da cidade no Parlamento de Galicia. “Isto pon de relevo a importancia de Vigo e significa a presenza de Vigo en todos os ámbitos políticos deste pais”, afirmou o alcalde.
Para o rexedor, “o poderío” do Concello de Vigo contrasta coa “irrelevancia” do PP. Así, defendeu que o escenario político de Vigo defínese pola presenza dun goberno municipal cunha “inmensa fortaleza e co BNG e o PP nunha situación de irrelevancia limitándose a obedecer as ordes dos seus xefes de Galicia”.