Bouzas celebra A Brincadeira do 10 ao 12 de maio de 2024
O alcalde convidou a toda a cidadanía viguesa e galega a sumarse a esta “gran festa, modelo dunha grande romaría urbana” que nesta décimo sexta edición suma un día de celebración con historia, música, gastronomía e actividades para tódolos públicos.

Abel Caballero participou este luns na presentación en rolda de prensa da programación da festa histórica de Bouzas xunto a Vanesa González, presidenta da Asociación Amigos da Historia de Bouzas, e a José Manuel Vidal, presidente da Asociación de Veciños Bouzas, a quen agradeceu e recoñecer “o traballo extraordinario na organización da Brincadeira”.
A XVI Festa da Brincadeira de Bouzas celébrase o 10, 11 e 12 de maio de 2024 cunha programación na que destacan dous actos: a representación da expulsión dos franceses en 1809, que se celebra o sábado ás 18:30 horas e o II concurso de traxes de época, que ten como obxectivo incentivar a vestimenta histórica, que terá lugar o domingo ás 13:00 horas.
Para o rexedor, co paso dos anos, a Brincadeira converteuse nun “modelo dunha grande romaría urbana, sendo unha gran festa cunha inmensa participación” que ocupa xa tódalas zonas de Bouzas.
A programación inclúe actividades infantís o sábado e o domingo: taller de barro, demostración de oficios artesanais durante todo o día, exposición sobre a historia de Bouzas e atraccións. Haberá numerosas actuacións musicais na Praza da Vila de Bouzas (Grupo Anduriñas do Cristo da Vitoria), no Torreiro Eduardo Cabello (Pandeireteiras e gaitas da A.C Traspés, grupo de folk “Os Cuncheiros” e grupo “O carballo das cen pólas”; na Alameda Suárez Llanos (Gaiteiros de Pardavila, Charanga A.C Traspés, Gaiteiros Erdeiros dos Morenos, Froles Novas e grupo de gaitas Rueiro; Grupo Queixumes, O Fiadeiro, Laxe, Pandega das Teixugueiras, Tarxa, Foliada Vai Boa e Gaiteiros da ría.
Durante os tres días de celebración haberá postos de artesanía, gastronomía e demostración de oficios tradicionais.
O alcalde avanzou tamén que o Concello incluíu a Brincadeira dentro do Plan de Sostibilidade Turística do Casco Histórico de Bouzas do Plan de Transformación e Resiliencia do Goberno de España financiado polos Fondos Next Generation EU como festa de interese especial. Ese plan dotará a Bouzas de 422.000 euros para a promoción dixital do casco antigo, a reconstrución histórica da Brincadeira en realidade virtual 360 para turismo, a creación da web da festa e a declaración da mesma como de interese turístico galego e nacional de España. “É momento de incorporar as novas tecnoloxías e a recreación virtual da Brincadeira, ser capaces de amosar a súa historia, significado e o seu futuro”, sinalou o rexedor que agradeceu ao Goberno de España que sacaran adiante este proxecto dotado con case medio millón de euros.




