Escoitar

Catrocentos escolares realizan unha viaxe didáctica ó Parque Natural das Illas Cíes

luns, 4 xuñ 2001
imx295.jpg
A concelleira de Educación, Ana Gandón, despediu os rapaces de oito colexios participantes no programa ”Vigo por dentro”, que pretende achegar os alumnos á realidade do seu contorno e, nesta xornada, á historia, flora e fauna das Illas Cíes. A segunda quenda realizará esta mesma actividade o vindeiro venres 8 de xuño.

Mediante un percorrido didáctico guiado por profesores, monitores e guías especializados procurarase acadar do alumnado un compromiso a prol da conservación do Parque Natural. Os rapaces coñecerán as dunas e a súa vexetación, o bosque e o sotobosque, o miradoiro de aves, Monte Faro, os restos históricos e o mosteiro de Santo Estebo, entre outros lugares de interese.

Esta experiencia pedagóxica está destinada ó terceiro ciclo de educación primaria e ó primeiro ciclo de ESO. Tódolos integrantes da expedición dispoñen dun seguro de responsabilidade civil e accidente. Os centros de ensino participantes nesta ocasión son Sobreira Valadares, Paraixal-Teis, Altamar-Travesas, San Salvador-Teis, Compañía de María, Andersen, Amor de Dios e Apóstol Santiago.

O alumnado vai acompañado por 16 mestres, oito monitores, oito guías especializados na flora e fauna das Illas Cíes, un médico e oito membros de Protección Civil terra e outros oito de mar.

O Instituto Municipal de Educación solicitou un permiso especial para que puidesen acudir ó Parque Natural 400 rapaces en cada quenda, xa que ten restrinxida a afluencia de visitantes para evitar a degradación do medio ambiente. Os centros que participarán a vindeira semana son Valadares Igrexa, Atalaya, Barreiro, Doutor Fleming, García Barbón, Ramón y Cajal, Atlántida e Breogán.
Descargar todas as imaxes