O Concello segue a potenciar a práctica do atletismo coa instalación de novo material de adestramento nas pistas de Balaídos
A partir de hoxe o Concello poñerá ao dispor dos deportistas que utilizan as pistas de atletismo de Balaídos o material necesario para facilitar a práctica de diferentes disciplinas. O Goberno municipal destina 80.000 euros para “promocionar e potenciar o deporte e o atletismo”, segundo recalcou este martes Abel Caballero durante o acto de entrega do equipamento.

O alcalde e o concelleiro de Deportes presidiron este martes o acto de posta en funcionamento do novo material deportivo que estará a disposición dos atletas que utilicen as instalacións das pistas de Balaídos.
Abel Caballero destacou que entre o novo material, que se pode utilizar dende hoxe, atópase Ketlebell de distintos pesos; elementos de salto; discos de diferentes pesos, barras olímpicas; balóns medicinais; protectores; valos e protectores con colchóns. Recalcou que estes se suman aos marcadores instalados en Coia, Bembrive e Bouzas, así como as mesas pregables, bancadas exteriores ou equipos de música autónomos portátiles.


