O alcalde valora a “xenialidade” da exposición de Jordi Bernadó no MARCO
O Museo de Arte Contemporánea de Vigo acolle a mostra “Jordi Bernadó. ID Project” na que o fotógrafo e arquitecto explora a esencia da identidade humana a través de retratos de personalidades do mundo contemporáneo, coa singularidade de que están de costas á cámara.
Desde este venres e ata o vindeiro 26 de maio poderá visitarse no Marco a exposición ID Project: 14 fotografías que constitúen un achegamento ao xénero do retrato con personalidades célebres polo seu compromiso en distintos campos da ciencia, as artes, a investigación e os dereitos humanos. Stephen Hawking, Muhammad Yunus, Vivian Gornik, Woody Allen, Gao Xingjian ou Ferrán Adriá son algúns dos retratados.
No acto de inauguración, Jordi Bernadó explicou as tres condicións que trasladou ás persoas protagonistas: debían elixir o lugar onde ser fotografados, que non podía ser un lugar calquera, senón aquel que representase o seu lugar no mundo; debían posar de costas á cámara e soamente se faría un disparo coa cámara. Así, a mostra confórmase cun rostro ausente nunha paisaxe amada, sendo esta a única pista que o espectador ten sobre a identidade do retratado.
Na súa intervención, Abel Caballero trasladou “a honra e satisfacción que sinto porque o Marco acolla esta exposición”, lamentando que non poida ser unha mostra permanente, e dirixiuse a Jordi Bernadó para trasladarlle que a “túa idea de exposición é filosofía. Soamente os moi ousados se atreven a cambiar o concepto e para iso hai que ser un xenio”.
O rexedor agradeceu a cesión das obras a Pablo Junceda, director xeral adxunto do Banco Sabadell, que son os propietarios, e destacou a presenza da institución en Vigo e en Galicia. Así mesmo, salientou o labor de Miguel Fernández-Cid como director do Marco. inaugurouse este venres no Marco, coa presenza do artista, do director do Marco