O alcalde valora o “Nadal excepcional” que está vivindo a cidade
A media de ocupación hoteleira do mes de decembro acadou o 77,91 por cento, “o mellor dato desde que hai rexistros do INE” e o Belén Monumental da Casa das Artes foi visitado xa por 115.000 persoas.
“Estamos facendo da cidade unha referencia no ámbito da afluencia de visitantes e temos un Nadal excepcional” sinalou o alcalde este luns ao informar da ocupación hoteleira na cidade durante esta primeira fin de semana de xaneiro que chegou ao 63%, mentres a ocupación no mes de decembro acadou o 77,91%, o que supón unha suba de 8,5 puntos con respecto ao 2019, e de 2,7 puntos respecto ao ano 2022. “É o mellor dato desde que hai rexistros do Instituto Nacional de Estatística, recalcou, polo que “estamos batendo récords”.
Abel Caballero valorou a “excepcional Cabalgata” á que asistiron máis de 115.000 persoas e informou sobre a evolución de visitantes ao Belén monumental de Casa das Artes polo que xa pasaron 108.000 persoas desde a súa apertura o 25 de novembro.
Para o rexedor, “os bos datos do turismo vense referendados pola ocupación do aeroporto no mes de decembro”, que acadou o 82,3%. “É o mellor dato do ano 2023 e temos destinos cun alto nivel de ocupación”, como Gran Canaria – 95,00%-, Tenerife Norte – 93,50%-, Barcelona – 87,43%-, Londres – 73,50%- e Madrid cun 73,40%.
Ademais, o alcalde apuntou que “Vigo segue ocupando un lugar central no mundo”, cunha nova aparición no diario británico The Telegraph, que vén de publicar na súa web unha reportaxe titulada “Os 20 lugares que debes visitar en 2024”, entre os que aparece Vigo xunto a outras cidades como París, Tokyo, Roma e en España, Vigo e Lanzarote.
A reportaxe recolle as bondades viguesas e explica que “en Vigo séntese a vida cotiá. E vaia vida teñen os habitantes”. Destaca a exportación do peixe a todo o mundo, da gastronomía, do viño, o voo a Londres, as idílicas Illas Cíes, a Praia de Samil, o Marco ou o Parque do Castro.