O Concello suspende a Cabalgata de Reis estática pola previsión de choiva e mantén a tradicional móbil
A Cabalgata deos Reis Magos estática, prevista inicialmente para mañá pola mañá, finalmente non será instalada na Avenida Castelao ante a ameaza de choiva e a posibilidade de que se deterioren as carrozas. O Concello mantén a tradicional, que arrincará ás 18,30 na Avenida Castelao e discorrerá ata a Praza do Bicentenario.
O alcalde adiantou este xoves que o goberno decidiu de non realizar este ano a Cabalgata de Reis estática, prevista durante a mañá do día 5, polo risco de choiva. Indicou que terá lugar a tradicional aínda que non antes das 18,30 da tarde.
Abel Caballero chama a “permanecer atentos” á información que publican os distintos medios de comunicación “por se hai algún atraso ou alteración”, que en todo caso asegura que sería pouco. Lembrou que o itinerario parte da Avenida de Castelao para dirixirse a Camelias, discorrer pola rúa Álvaro Cunqueiro, volver encamiñarse a Camelias e de aí ata a Praza do Bicentenario. A partir de aí, os Reis Magos e a Carteira Real desprazaranse ata a Porta do Sol para dirixirse aos nenos.
O alcalde apela á previsión dos asistentes e a ter en conta tanto o lugar onde contemplarán a Cabalgata como o horario desta para non permanecer en espera un tempo innecesario. Lembrou que as carrozas tardarán entre unha hora e hora e media en chegar desde a Avenida de Castelao ata a Praza do Bicentenario. “Un consello: non é necesario estar unha hora antes no punto elixido”, indicou.
Felicitación virtual
Caballero detallou que este ano os nenos que non poidan asistir ao desfile real, por motivos de enfermidade ou por outras cuestións, serán atendidos polas súas maxestades previa comunicación dos seus pais a través do correo electrónico nadalvigo.festas@vigo.org.
Os demandantes deberán informar do nome dos menores, así como do número do teléfono ao que se lles pode chamar.