Abel Caballero: "Todo Teis gozará das novas ramplas" que melloran o acceso ao centro de saúde
Abel Caballero inaugurou este venres , cos tenentes de alcaldía Carmela Silva e Javier Pardo, as novas ramplas de acceso ao centro de saúde de Teis e a humanización da rúa Ángela Iglesias Rebollar. As obras contaron cun orzamento total de 1.308.106 euros.

“Todo Teis gozará das novas ramplas mecánicas e da humanización da rúa”. Así o anunciou o alcalde tras utilizar a nova infraestrutura de mobilidade do barrio de Teis que salva unha das maiores pendentes de Vigo, por contar cun desnivel do 18 por cento, e que poderá ser utilizada por 6.000 persoas á hora.
O rexedor detallou que as obras contan cun investimento de 1.308.106 euros, dos que 972.972 foron achegados polo proxecto de cofinanciamento cos fondos europeos Next Generation EU, a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia do Goberno de España, e outros 335.134 euros polo Concello.
Caballero afirmou que a instalación das ramplas e a humanización da rúa Ángela Iglesias Rebollar representan melloras “extraordinariamente importantes” para Teis.
O alcalde apuntou que as melloras conlevan a renovación da rede de saneamento e abastecemento de auga, ademais da instalación dunha nova iluminación e a renovación dos xogos do parque infantil, entre outras melloras.






