Escoitar

O Concello desprega once corredores de emerxencia

Vigo convértese desde esta semana na primeira cidade europea en contar cun sistema de tráfico que permite despregar once corredores de emerxencia para dar prioridade ao tránsito dos vehículos de Policía e Bombeiros. O dispositivo foi presentado este martes polo alcalde Abel Caballero e pola concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez.

martes, 21 nov 2023
Abel Caballero na presentación do sistema dos corredores de emerxencia
Abel Caballero na presentación do sistema dos corredores de emerxencia

Abel Caballero asistiu ao arranque do funcionamento dos once corredores de emerxencia que permitirá aos vehículos das forzas de seguridade, bombeiros e ambulancias, desprazarse coa maior celeridade tras a activación dun sistema que crea unha “onda” verde de semáforos.

O alcalde explicou que o sistema se activa desde o coche a través dun dispositivo que emite sinais demandando prioridade de circulación aos semáforos, e que as únicas limitacións son os tempos fixados nos pasos de peóns, así como nas rotondas.

O rexedor apuntou que Vigo é a primeira cidade europea en dispoñer deste innovador sistema que dá preferencia ao paso dos coches de emerxencia e que tamén é a única do mundo. Lembrou que se desprazou á cidade olívica un instituto de investigación de mobilidade de Texas para estudar este sistema que se financia con fondos europeos.

Na primeira fase do proxecto conectarase a Policía Local e Bombeiros, e nun futuro tanto a Policía Nacional ou as ambulancias, “o que vaiamos estudando que necesita prioridade nos corredores de emerxencia”, indicou o rexedor.

Caballero apuntou que xa se pode acceder ao corredor de emerxencia ao principio da Avenida de Madrid, circular por Gran Vía cara a Praza de España e cara ao cruzamento con Urzáiz coa onda verde. “Temos montado xa todo de tal modo que podemos ter un percorrido de 6 quilómetros con corredor de emerxencia verde montado, coa limitación da rotonda na Praza de España e na do cruzamento de Illas Baleares”. O dispositivo instalado nos coches da Policía e Bombeiros será controlado desde Tráfico.

A listaxe de rúas que contan con corredor de emerxencia complétase coa Avenida de Madrid, Gran Vía, Pizarro, Travesía de Vigo, Porto, Buenos Aires, Jenaro de la Fuente, Sanjurjo Badía, Venezuela, Coruña, Avenida de Castelao, Alcalde Portanet e Avenida Arquitecto Palacios.

Abel Caballero na presentación do sistema dos corredores de emerxencia
Abel Caballero na presentación do sistema dos corredores de emerxencia
Descargar todas as imaxes