Proxeccion da película Matria no MARCO
Álvaro Gago, director do filme Matria, participará no coloquio logo da proxección da película dentro das actividades da programación municipal do 25N. Será as 19.00 horas, o martes 21, no Salón de actos de MARCO, con entrada libre ate completar aforo.
Matria é un filme galego de 2023 dirixido por Álvaro Gago (no seu debut como director dunha longametraxe) e protagonizado por María Vázquez. Foi rodado en lingua galega. Ambientada nunha vila mariñeira galega, a trama segue a difícil situación de Ramona, unha muller traballadora que loita por manterse a flote. Segundo María Vázquez, "Matria reflicte a vida dunhas mulleres moi fortes e poderosas, pero con pouca autoestima. Manteñen a industria na zona das Rías Baixas e tamén coidan da súa familia e da familia dos demais para que estes poidan traballar".
A historia baséase libremente na vida de Francisca Iglesias, unha muller que coidaba do avó de Gago, e que protagonizou a curtametraxe homónima de Gago.María Vázquez asumiu o papel protagonista (Ramona) da longametraxe, interpretando unha versión máis nova do personaxe. Francisca Iglesias desempeña un papel menor no filme. O filme foi producido pola pontevedresa Matriuska Producciones, a madrileña Avalon PC, a valenciana Elastica Films e a barcelonesa Ringo Media. Completamente rodado en lingua galega, María Vázquez (que se criou na provincia de Lugo) afrontou o reto de adaptar o seu galego á variedade das Rías Baixas.
O filme estreouse o 17 de febreiro de 2023 na 73ª edición do Festival Internacional de Cinema de Berlín, proxectado na sección Panorama do festival. Estreouse nos cinemas en España o 24 de marzo de 2023.