Escoitar

O Concello patrocinará ao Iberconsa Amfiv en Europa e desexa organizar unha fase final no futuro

O Club Deportivo Amfiv presentou hoxe o seu proxecto deportivo 23/24, que pivotará sobre a clasificación para a Copa do Rei e a súa participación europea, prevista do 7 ao 10 de marzo en Calabria (Italia)

martes, 31 out 2023
Foto de familia da presentación do Iberconsa Amfiv da temporada 2023/2024
Foto de familia da presentación do Iberconsa Amfiv da temporada 2023/2024

O Concello será o patrocinador da aventura calabresa do Iberconsa Amfiv. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, animou a xogadores e cadro técnico vigués a “gañala” e “nalgún momento teremos que organizar unha copa de Europa”, subliñou. En caso de avanzar en Europa (en Italia espéralle o equipo anfitrión e rivais turcos, franceses e alemáns), xogaría a fase final da “Eurocup 3”, do 25 ao 28 de abril en Valladolid. 

Na década pasada Vigo xa foi sede en 2017 e 2019 dunha fase final. O acto de presentación contou, ademais de co presidente do club, "Chechu" Beiro, co director xeral de Iberconsa, Alberto Encinas, e co edil de Deportes, Manel Fernández. Entrar na fase final da Copa do Rei, que se coñecerá trala primeira volta do campionato ligueiro, é unha ilusión permanente no club vigués, que no marzo próximo regresará a competicións europeas (Eurocopa 3) cinco anos despois da súa última experiencia. Beiro confesou que competindo nos torneos continentais “hai máis facilidade para fichar xogadores, porque buscan o aliciente deportivo; os últimos anos foi un hándicap para nós contratar xogadores”.

O regreso ás copas europeas tamén abre a porta ao Amfiv, e a Vigo, para organizar outra fase final continental a partir de 2025. “A IWBF Europa quere unha regularidade”, apuntou Beiro.

 

Foto de familia da presentación do Iberconsa Amfiv da temporada 2023/2024
Descargar todas as imaxes