Escoitar

Os cemiterios de Pereiró e Lavadores amosan a historia de Vigo e de mulleres que deixaron pegada na cidade

O alcalde avanzou este martes o contido das exposicións que poderán verse estes días nos camposantos municipais, que abren as súas portas con horario ininterrompido de 9 a 18:30 horas da tarde.

martes, 31 out 2023

O Concello conmemora a festividade de Todos os Santos cunha exposición no cemiterio de Pereiró sobre catro momentos da historia de Vigo. Durante esta semana, as persoas que visiten o recinto poderán achegarse a catro figuras viguesas representativas de catro etapas diferentes a través de 16 paneis distribuídos en 4 cubos: no primeiro, Ángel de Lema e Mariña, fundador do Faro de Vigo; no segundo cubo: Concepción Arenal, representando a época de finais do século XIX e principios do XX, centrado no desenvolvemento da zona dos “Choróns”, onde tiña a súa residencia; no terceiro cubo: de mediados do século XX, aparece Manuel de Castro, xornalista e promotor do Celta, coincidindo coa celebración do centenario do club, a etapa na que Vigo se consolida como a cidade máis poboada de Galicia; no cubo catro, o Tardofranquismo e a Transición, con José Humberto Baena, vítima da última execución do franquismo. No panel teñen protagonismo as protestas e a mobilización internacional para tentar deter as execucións, os movementos democráticos e a chegada da democracia.

Abel Caballero explicou que o cemiterio de Lavadores acollerá estes días outra exposición dedicada a 6 mulleres que cambiaron o mundo e que deixaron pegada en Vigo: Mercedes Ruibal, pintora, gran aprendiz de Laxeiro, que foi o seu mentor; Concepción Arenal: pensadora e escritora, unha das mulleres pioneiras na universidade, que axudou ás clases máis desamparadas e ás mulleres; Mercedes Núñez: política e escritora, próxima a movementos socialistas durante a República; María do Carme Kruckenberg: poeta, entusiasta por aprender cousas novas e viaxar, quen en Buenos Aires estivo con Castelao, Laxeiro, Rafael Alberti e varias figuras que a inspiraron na súa obra; Placeres Castellanos: política e sanitaria, primeira muller da Agrupación Socialista de Vigo, comprometida coa axuda aos máis necesitados a través do seu traballo como enfermeira e Xela Arias, poeta e tradutora, implicada en movementos políticos, escribiu letras de cancións, foi mestra de literatura e traballou na editorial Xerais, amais de ser homenaxeada pola Real Academia Galega como autora do Día das Letras Galegas no ano 2021.

O alcalde avanzou que o próximo ano o cemiterio de Teis acollerá tamén unha exposición itinerante e lembrou que, desde este luns 29 de outubro, o Concello mantén abertos todos os cemiterios municipais, desde as 9 da mañá ata as 18,30 horas da tarde, de forma ininterrompida.

Tal e e como explicou, por mor das alertas climatolóxicas estes días suspendéronse as visitas teatralizadas ao cemiterio de Pereiró, sendo recolocadas as persoas que tiñan a reserva feita. Este ano hai 1.950 prazas reservadas (450 máis que o ano pasado) para a cidadanía.

Descargar todas as imaxes