O Concello chama a adoptar un animal do refuxio da Madroa na campaña "Adóptame en Vigo"
Abel Caballero e as concelleiras Patricia Rodríguez e Nuria Rodríguez presentaron este luns a campaña de concienciación cidadá “Adóptame en Vigo” para promover a adopción responsable de cans e gatos, e dar visibilidade ao problema do abandono animal.
O alcalde animou aos cidadáns para "considerar" a adopción dun dos animais acollidos no refuxio municipal da Madroa, en lugar de compralo.
Abel Caballero explicou que Vigo celebra o "Día Mundial dos Animais", que terá lugar o mércores día 4, lanzando unha iniciativa pioneira en toda España, xa que a cidade é a primeira urbe en poñer en marcha unha campaña de concienciación ambiental innovadora sobre a transcendencia da adopción responsable de animais, así como en contra do seu abandono e malos tratos.
O rexedor adiantou que a Concellería de Medio Ambiente repartirá entre os colexios de Vigo que o soliciten e as clínicas veterinarias un total de 6.000 exemplares do libro "Urco, unha historia reciclada", baseada na historia real dun can, .
Caballero explicou que a campaña contará con visibilidade nos parque caninos de Pontenova e García Picher, e na praia canina de Calzoa-Foz Esquera. Nestas, actualizaranse os paneis informativos e poderase descargar o código QR co formulario de adopción e listaxe actualizado dos animais abandonados que se atopan no refuxio municipal.
O alcalde avanzou que as persoas interesadas en participar na campaña "Adóptame en Vigo, así como en coñecer o contido de "Urco, unha historia reciclada", poden facelo a través da web do Concello coa descarga do código QR aloxado na páxina de Medio Ambiente.
Caballero destacou a calidade do libro "Urco, unha historia reciclada", escrita por Soledad García e ilustrada por Ángela Costas, xa que foi realizado con materiais reciclados, como bolsas de lixo, tapóns, redes de froitas ou envases de leite.