O alcalde inaugura a humanización de Marqués de Valladares
O Concello de Vigo substituíu todo o pavimento de empedrado por asfalto puído nunha plataforma única monocolor, co que se eliminan as molestias provocadas por ruídos e vibracións.

Abel Caballero, Carmela Silva e Javier Pardo percorreron este venres Marqués de Valladares logo dos traballos de humanización no que se investiron 214.000 euros.
O rexedor destacou que co asfalto pulido elimínanse os ruídos provocados polo empedrado así como as vibracións e as fochancas. Con esta renovación de 1.500 metros cadrados do pavimento "faise unha mellor humanización, eliminamos ruídos, e facemos a rúa máis transitable".
Caballero lembrou que na rúa Marqués de Valladares, humanizada por primeira vez antes de ser elixido alcalde, nos últimos anos levouse a cabo unha remodelación porque o vial carecía de cemento debaixo das lastras e a area era arrastrada pola choiva e as correntes subterráneas. "Neste momento xa se canalizaron e soterraron as redes, meteuse fibra óptica e, por tanto, estamos nun nivel na rúa igual ao realizado en García Olloqui, Praza de Compostela e rúa Carral", afirmou.


