O Concello aproba o “X Programa de Murais” cun orzamento de 480.000 euros
A Xunta de Goberno Local tamén deu luz verde á subvención nominativa ao Clube Deportivo AMFIV para o desenvolvemento da sua actividade deportiva de elite.
A Xunta de Goberno Local aprobou este venres o expediente de contratación das obras do X Programa de murais artísticos nas medianeiras da cidade cun orzamento de 480.000 euros.
A previsión é que se realicen “máis de 12 actuacións” na cidade, tanto espazos públicos como centros educativos. Farase en dúas fases, na primeira, actuacións preparatorias de selección de espazos, artistas e centros educativos; e na segunda, a execución dos murais.
Con este proxecto, “iniciado no 2015”, o goberno municipal quere “mellorar a imaxe urbana da cidade”, executando ata a actualidade “177 intervencións artísticas”, na que se inclúen 131 medianeiras e 46 murais en colexios.
Subvención ao AMFIV
Na Xunta de Goberno tamén se aprobou a subvención nominativa ao Club Deportivo AMFIV para o desenvolvemento da súa actividade considerada de elite, cun importe de 60.000 euros.
O equipo de baloncesto en cadeira de rodas está na categoría de honra, “que supón un valor moi importante na promoción do deporte vigués”. A entidade ten un proxecto de dinamización e fomento do deporte base que desenvolveu durante a pasada tempada.