Escoitar

As ludotecas municipais reinician as actividades

Este mes de outubro retomase a programación regular das ludotecas da Concellería de Xuventude do Concello de Vigo distribuídas en distintos puntos da cidade para dar cabida a tódolos nenos e nenas. As actividades deste mes céntranse en obradoiros e xogos de temática infantil, xuvenil e social.

mércores, 1 out 2003
Na ludoteca da Casa da Xuventude os e as usuarias adéntanse na cultura galega para desenvolver entre outras actividades, unha academia de actrices e actores, obradoiros de artesanía e gastronomía sen esquecer un repaso pola música galega, ademais doutras novidades dentro dunha programación titulada "Galicia Máxica".

As actividades da ludoteca de Lavadores centrarán parte da programación no achegamento ás dificultades con que se atopan os nenos e nenas discapacitados, por medio de dinámicas e sesións de simulación de situacións con ausencia dalgún dos sensos. Complétase a planificación de actividades con proxección de vídeos e un xogo de rastreo e a redecoración da ludoteca pasadas as vacacións de verán.

Por outra banda, funciona tamén cun programa novo para este outono a ludoteca do Pavillón de Coia, para acoller a tódolos nenos e nenas do barrio e arredores. Neste centro vaise facer unha festa de cada novo día para celebrar con alegría a chegada do outono. Así teremos entre outros o día mundial das conchas, dos xestos ou dos animais acuáticos, ademais dunha excursión e outras actividades permanentes como a dos xoves consistente en Fútbol en tatami.

A ludoteca de integración situada na rúa Sagunto dedica este outono dúas semanas a unhas olimpíadas moi especiais con probas de todo tipo: xincanas, concursos de mimo e de debuxo e outros. Ademais realizaranse actividades de animación á lectura e celebracións coma o Magosto e Hallowen, todo aderezado con xogos predeportivos, de colaboración e moita animación.

O comezo do outono e o curso escolar é un dos temas a tratar na ludoteca que alberga o Colexio A Paz (Tintureira) de Coruxo, e para elo parte das actividades encamíñanse á decoración do espacio e dos libros e material escolar. A segunda parte do programa dedícase á cultura China, e como achegamento aprenderán o alfabeto chinés, a situación xeográfica, a construcción da famosa muralla e tentarán un contacto por medio de postais.

As ludotecas funcionan polas tardes de luns a venres en horario aproximado de 16:30 a 20:30 excepto a de integración que abre as súas portas de 17:00 a 20:00 horas. Para máis información pódese chamar á Casa da Xuventude no teléfono 986 294 806.