Vigo conforma o Comité do Nadal para a coordinación do evento
O Nadal de Vigo da un paso máis e, tal e como declarou o alcalde, a delegación conformada polos edís responsables do evento servirá “para que medre o Nadal en toda a cidade e minimizar efectos colaterais que poidan xerar algunha dificultade”.
Abel Caballero anuncio a creación dun Comité de coordinación do Nadal para que este evento “siga a medrar no conxunto da cidade e minimizar os efectos colaterais que producen algunha dificultade na cidade”. Tal e como explicou o rexedor, este “fenómeno turístico emerxente, o máis importante de Europa, pasou de 0 a 6 millóns de visitantes en catro anos”.
Para o rexedor o Nadal en Vigo xa ten “rango mundial” e produce unha das maiores grandes mobilizacións de turistas nunha cidade, cun retorno económico de 1.000 millóns. De aí que o goberno local, en aras de mellorar este evento tanto para turistas como a propia cidadanía de Vigo, aborde no Comité cuestións relativas ao tráfico, seguridade, ordenación cidadá, mobilidade, cooperación co sector hoteleiro, situación da decoración do Nadal e atraccións, e demais.
Mañá, 9 de agosto, será a primeira reunión que presidirá o alcalde, e nas seguintes xuntanzas encabezará a delegación a primeira tenente de alcalde, Carmela Silva, que estará acompañada do segundo tenente alcalde, Javier Pardo; a delegada da área de Seguridade, Patricia Rodríguez; o delegado da área de Festas Especiais, Ángel Rivas; a concelleira de Turismo, María Lago; a concelleira de Comercio, Ana Laura Iglesias; e a concelleira de Medio Ambiente, Nuria Rodríguez.
“Trataremos de que o Nadal chegue a máis e en mellores condicións para a cidade, goce da cidadanía e produza a súa satisfacción, que nos siga gustando a nós, e que produza a mobilización ao 100% en hoteis, comercios e hostalería”, concluíu nas súas declaracións Caballero.