O Concello aumenta a subvención a FOANPAS en máis de 36.000 euros para paliar o aumento do prezo dos comedores escolares
O alcalde deu conta esta mañá dun incremento de 36.000 euros no convenio de 606.000 euros asinado con FOANPAS co obxectivo de axudar ás familias no aumento no prezo dos comedores escolares. O goberno local tamén validou a renovación da rede de abastecemento da avenida de Castrelos, entre os números 120 e 144.
A Xunta de Goberno deu luz esta mañá a unha addenda ao convenio asinado con FOANPAS para a redución do prezo do menú na rede de comedores escolares xestionados pola Federación Olívica de Asociacións de nais e pais. Deste xeito, auméntase en 36.366 euros o montante recollido no acordo de 606.000 euros aprobado recentemente.
Estes 643.000 euros súmanse ao 1.427.589 euros da convocatoria municipal de bolsas de comedor que está aberta ata o 30 de xuño. Neste caso, a contía da bolsa, pasa este ano de 41 a 45 euros ao mes.
Outro dos asuntos que avanzou o rexedor foi a aprobación da renovación da rede de abastecemento da avenida de Castrelos, entre o número 120 e o 144. Esta actuación incluirá a renovación do saneamento, abastecemento e beirarrúas. O volume de inversión é de 150.700 euros
Xuventude
O goberno local deu luz verde á solicitude ao Goberno de España de 450.000 euros para o desenvolvemento do programa “Lecer Alternativo” de prevención de consumos aditivos en menores. Deste montante, a achega do Goberno local é de 192.857 euros, tal e como explicou o rexedor.
Con esta iniciativa, organízanse distintas actividades para a mocidade de Vigo durante todo o ano co obxectivo de traballar hábitos saudables de hixiene, alimentación, igualdade de xénero, rexeitamento de drogas e outros valores como a solidarieade, a responsabilidade ou a participación. Tamén se reforzarán actividades promovidas por colectivos xuvenís como concertos, xogos de rol, monólogos ou xogos, entre outros. Finalmente, engadiu Caballero, desenvolveranse actividades divulgativas para dar a coñecer á mocidade a candidatura de Illas Cíes a Xeoparque Mundial da UNESCO.