Escoitar

O Concello liquida o Orzamento de 2022 que incorpora 95 millóns de euros de remanentes

Co avance neste trámite de obrigado cumprimento, o goberno de Vigo poderá incorporar de forma efectiva os remanentes e realizar o pagamento “o antes posible das bolsas de libros”, tal e como explicou o alcalde, que puxo en valor o traballo municipal.

mércores, 8 feb 2023
Caballero durante a súa comparecencia en rolda de prensa este mércores
Caballero durante a súa comparecencia en rolda de prensa este mércores

Abel Caballero informou este mércores da sinatura da liquidación do Orzamento municipal de 2022, un trámite ao que “lle demos unha présa moi especial”, xa que debe cumprimentarse antes do 30 de marzo, co fin de poder incorporar os remanentes e facer os pagos das axudas de libros a 25.000 nenas e nenos da cidade. Así, “poderemos pagar moi pronto os 5,2 millóns de axudas de libros”.

Na liquidación de 2022, o goberno municipal incorpora ao orzamento 95 millóns de euros de remanentes, nos que se inclúen obras como a Grada de Marcador (8 millóns), o ascensor Halo (8,2 millóns), o Paseo de Bouzas (2,1), a humanización de Teixugueiras en Navia (2,7), o aparcamento de Matamá (1 millón), a Porta do Sol (7,2 millóns), o Túnel de Lepanto (4,3 millóns), ou o Parque de bombeiros Esturáns (1,3 millóns), entre outros.

Ademais, o goberno de Vigo realizou “algúns gastos moi destacados” en 2022: 20,7 millóns en acción social; 15,1 millóns para cultura, museo, bibliotecas e festas; a bonificación ao transporte urbano para viaxeiros: 12,8 millóns; o fomento do deporte e instalacións deportivas: 10,4 millóns; 10,1 millóns de euros para o funcionamento dos centros educativos; 4,6 millóns dedicados a financiar as bolsas de inglés; para o fomento do emprego: 4,5 millóns e 4,3 para a promoción turística da cidade.

O alcalde destacou que a estes investimentos executados cómpre sumar o Orzamento de 2023 que supera os 385 millóns de euros, un 35% máis ca o ano anterior. “Isto é Vigo, somos capaces de facer todo iso, somos capaces de non ter débeda, de pagar en 8 días e facer isto que ninguén fai en ningún concello de España porque temos unha boa xestión, administramos ben os recursos e temos un gran funcionamento no Concello”.

Descargar todas as imaxes