Escoitar

Caballero presentou a Liga Linco de baloncesto, actividade complementaria do programa municipal de escolas deportivas

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou hoxe unha nova edición da Liga Interna de Colexios (Linco), que abrangue a equipos de oito centros de ensino e ás escolas municipais de Balaídos e Navia no fomento do baloncesto.

martes, 7 feb 2023

A competición, dividida en doce venres a partires do día 10 e ata o derradeiro venres de maio, contará con dezaoito equipos (dez de idade premini e oito de mini) e uns 150 xogadores e xogadores de 6 a 12 anos que competirán no polideportivo municipal de Navia. 

O rexedor felicitou á representación do CB Seis do Nadal (o directivo Ramón Román, o director deportivo Sergio González e os adestradores de escolas Sara Vega e Aitor Martín) e incidiu en que a liga permite tamén ao club "formar adestradores e adestradoras".

Acompañados polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, os técnicos de Seis do Nadal amosaron ao alcalde as equipacións de xogo, de diferente cor cada colexio. Caballero anunciou que os centros inscritos son o CEIP Seis do Nadal, CEP Celso Emilio Ferreiro, CEP Doutor Fléming, CEIP Alfonso Rodríguez Castelao, CEIP Mosteiro Bembrive, CEIP Párroco Don Camilo, Colexio Labor e Colexio NS Esperanza.

O xefe do goberno municipal indicou que a Liga linco e o Trofeo concello de Vigo de fútbol 8, presentado hai uns días, son os piares complementarios do programa municipal de escolas deportivas, que neste momento conta xa con 4-200 nenos e nenas participando da actividades deportiva formativa.
 
  

Descargar todas as imaxes