O padrón municipal rexistra 140 altas de media ao día e suma xa 301.609 habitantes
O alcalde puxo en valor este xoves o traballo que desenvolve a oficina de estatística municipal que atende cada día unha media de entre 220 e 250 persoas de forma presencial.
As oficina do padrón atenden diariamente unha media de 220-250 persoas de forma presencial, das que menos da metade acoden con cita previa. Con todo, o persoal municipal atende a tódalas persoas ao longo da mañá, tal e como apuntou Caballero, xa que seguen tramitando as peticións cidadás de xeito que non quede ninguén por atender “e isto seguramente é único en España”.
O alcalde puxo en valor o servizo do Padrón que funciona “extraordinariamente ben dado o nivel de atención que se require” e que, cada día, dá altas, emite certificados, cambios de domicilio, baixas por defunción e expiden documentos a organismos públicos especialmente para Facenda e os xulgados. Sinalou tamén que todas as persoas que teñan unha necesidade urxente poden enviar un correo electrónico a ofi.estadística@vigo.org explicando o trámite que precisan e son atendidas nun período medio de 5 días. Algunhas veces as actuacións inícianse a través do 010.
O padrón municipal rexistra a día de hoxe, 26 de xaneiro, 301.609 habitantes. O 18 deste mes a cifra era de 300.809 habitantes, polo que se produciron 800 altas en 5 días e medio. A media diaria de altas de empadroamento sitúase en 140 e, do 1 de xaneiro de 2022 ao 1 de xaneiro de 2023, rexistráronse 12.534 altas. Do 1 de xaneiro de 2022 ao 1 de xaneiro de 2023, estadística realizou un total de 52.545 movementos “un nivel de atención moi importante, con 140 altas diarias”, apuntou o rexedor.
Abel Caballero referiuse ao nivel de tramitación actual, citando como exemplo a recepción de 15.000 solicitudes para as axudas a familias para libros de texto e 5.000 para as bolsas de comedor. A carga de traballo de gobernos municipais anteriores, sinalou, era menor porque non daban axudas e tiñan listas de agarda “de nenos e nenas que non comían”, en referencia ás bolsas de comedor. Pola contra, nestes tres últimos días, o Concello atendeu a 641 familias de forma presencial e a oficina do rexistro, que ampliou horario polas tardes, de luns a xoves, non pecha ata que quedan atendidas tódalas persoas.