Escoitar

O Concello inviste preto de 350.000 euros na pavimentación de Doutor Carracido

O goberno local deu luz verde á primeira fase do proxecto de humanización de Doutor Carracido, cun orzamento de preto de 350.000 euros. Trátase dunha actuación que se prolongará tres meses.

xoves, 26 xan 2023

A Xunta de Goberno aprobou o proxecto para a pavimentación/humanización de Doutor Carracido. Cun importe de 348.000 euros e un prazo de execución de tres meses, nesta primeira fase da humanización, entre outras cuestións, actuarase en toda a calzada, renovarase a rede de drenaxe e procederase á nivelación de tapas da calzada para evitar o ruído ao paso de vehículos.

Outro dos asuntos que aprobou o goberno local foi a contratación dos servizos de apertura, control e manexo de equipamento e peche de instalacións dependentes da Concellería de Deportes. Cun importe de 3.132.47 euros, o contrato é por tres anos coa posibilidade de dúas prórrogas dun ano cada unha. Tal e como explicou o rexedor, esta validación permitirá atender os pavillóns de Coruxo, Castrelos, Bembrive, Lavadores, Sárdoma, Candeán, Teis, Bouzas, Coia, Carballal, Valladares, Romil, Quirós, o estadio de atletismo de Balaídos, club de fútbol Carballal, complexo deportivo de Balaídos, complexo deportivo de Navia e, por último, complexo deportivo da Etea.

O goberno local deu luz verde, así mesmo, á licitación do Programa de atención especializada para a prevención de situacións de acoso e violencia sexual en zonas de ocio, os coñecidos como Puntos lila. O contrato sae cun orzamento de 79.670 euros para dous anos, coa posibilidade de prórroga dun ano máis. Trátase, explicou o rexedor, dun soporte profesional e material para prestar o servizo en 5 eventos anuais, atendendo a diferentes lugares da cidade onde haxa gran afluencia de público. É un programa de sensibilización, información, asesoramento e atención especializada para a prevención entre a mocidade sobre a violencia sexual e outras formas de violencia que se exercen sobre as mulleres na zonas de ocio.

Descargar todas as imaxes