O Pleno reclama á Xunta financiamento para as orquestras de música clásica e para as bandas populares viguesas
A moción socialista apunta a “forte discriminación” que sofre o Concello de Vigo en diferentes ámbitos, tamén o cultural. Saíu adiante co apoio de tódolos grupos municipais agás o PP que se abstivo.
A sesión plenaria deste mes de xaneiro, acolleu o debate desta moción defendida polo concelleiro de Cultura, Abel Losada, quen instou á Xunta de Galicia a incluír nos orzamentos autonómicos partidas para as orquestras de música clásica da cidade de Vigo, de xeito que se acade un nivel similar ao resto das urbes galegas, e para as bandas de música populares. Así, o Pleno de Vigo demanda que quede reflectido o peso demográfico e socio-económico da cidade e da súa área urbana no reparto de fondos en tódolos ámbitos da creación cultural, nomeadamente na promoción de orquestras e bandas.
Tal e como reflicte o texto, o grupo socialista demanda cada ano no trámite de elaboración dos orzamentos da Xunta unha emenda reclamando “apoio explícito, recollido nos presupostos, para as entidades da cidade vinculadas á música clásica, e “lamentablemente, a resposta é non, cada ano”, o que acaba producindo “situacións de discriminación territorial e social moi relevantes”.
Mobilidade do aeroporto
A Corporación municipal aprobou tamén a moción defendida polo edil socialista Jaime Aneiros demandando da Xunta de Galicia unha liña de axudas que favoreza a mobilidade dende o aeroporto de Vigo con Madrid, Barcelona así como outras cidades de España e Europa. “É necesario que a Xunta, como administración con competencia supramunicipal, potencie o noso tecido socioeconómico favorecendo e apoiando o establecemento de novas conexións, nacionais e internacionais, pero tamén de maiores frecuencias ao igual que sucede cos outros aeroportos galegos”, sinalou o concelleiro de Facenda. Este punto da moción foi rexeitado polos grupos da oposición.
Amais, a moción solicita ao goberno galego a implantación dun servizo de autobús que conecte a terminal viguesa co resto da cidade para mellorar a mobilidade a través do transporte público de viaxeiros e, ao tempo, potencie Peinador. Este punto foi apoiado polo grupo mixto e o concelleiro non adscrito e rexeitado polo grupo popular.