Caballero aplaude que a Festa do Judo Infantil sirva de homenaxe á campioa de Europa Laura Vázquez
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou hoxe a vixésima novena Festa do Judo Infantil-Trofeo Mestre de Frutos, prevista para o domingo 18 no Pavillón Central das Travesas (11:30 horas), con entrada de balde e co patrocinio do Concello e da Deputación.
Acompañado polo presidente da Federación Galega de Judo, Mario Muzas, o edil de Deportes, Manel Fernández, e pola viguesa Laura Vázquez, campioa de Europa júnior, Caballero anunciou unha participación de 1.100 deportistas en vinte tatamis. Será a volta ao Central sete anos despois. Ademais, o complexo das Travesas albergou esta festa do deporte formativo nos seus primeiros anos. “É dos máis importantes eventos do Nadal”, subliñou o rexedor. De feito, este festival é unha das exhibicións de referencia do ano, xunto co Día do Patín.
A festa pivota sobre unha competición de judo aplicado á defensa persoal, con grupos de medio cento de nenos e nenas de cincuenta entidades deportivas.O rexedor aplaudiu que durante o evento a Federación Galega de Judo vai render homenaxe a Laura Vázquez polo seu título continental júnior, conquistado en setembro en Praga. O polideportivo vigués, con capacidade para 3.300 persoas sentadas, encherase. A organización contará con noventa persoas para a arbitraxe e loxística. “Que vaia todo o mundo”, pediu o alcalde. “É unha gran celebración”, dixo Caballero, que lembrou que a judoka se proclamou campioa “xogando fóra de casa; os teus éxitos son un orgullo para a túa cidade”, manifestou.