Escoitar

O goberno municipal licita as ramplas mecánicas do centro de saúde de Lavadores

A Xunta de Goberno Local aprobará o vindeiro venres a licitación para a implantación do mecanismo que conectará a rúa Ramón Nieto coa contorna do centro de saúde de Lavadores e o colexio Fonte Escura e que inclúe a humanización de toda a contorna.

mércores, 7 dec 2022
Infografía das ramplas do centro de saúde de Lavadores
Infografía das ramplas do centro de saúde de Lavadores

Abel Caballero explicou que o Concello investirá 1.814.000 euros para executar esta obra que conta cun prazo de execución de 10 meses e que previsiblemente poderá iniciarse no mes de marzo.

O proxecto contempla as actuacións necesarias para rehabilitar e renovar a contorna urbana do centro de saúde de Lavadores e o Colexio Fonte Escura, entre a Avenida Ramón Nieto e Travesía de Barreiro. A rampla salvará unha pendente duns 11 metros nunha lonxitude de 40 metros, en tres tramos, que conforman un corredor mecánico que facilitará o desprazamento da cidadanía ao centro sanitariO goberno municipal instalará as ramplas mecánicas e acometerá a humanización da contorna creando novos espazos mediante a ordenación viaria e a renovación dos servizos urbanos: abastecemento, saneamento e alumeado. A obra contempla a renovación do saneamento, unha nova rede de pluviais, mellora da eficiencia enerxética, instalación de puntos de luz con tecnoloxía led, novos pavimentos, mobiliario e espazos verdes. Amais, o alcalde sinalou que se executará unha zona estancial para descanso e goce da cidadanía.

Esta actuación do Concello súmase ás que xa están en marcha dentro do programa Vigo Vertical: o ascensor HALO, o ascensor da Praza da Estación que xa está en funcionamento; están en marcha a rampla de acceso ao Centro de Saúde de Teis, as ramplas de Escultor Gregorio Fernández, o ascensor e rampla para conectar Travesía e Aragón e as escaleiras mecánicas de Talude moi avanzadas. Amais executarase unha rampla en Serafín Avendaño; está avanzado o acceso mecánico desde rúa Carral a Porta do Sol, trabállase na conexión de Romil con Hispanidade por ascensor igual que na rampla do Colexio Losada con Ramón Nieto e esta a completarse o corredor mecánico entre Camelias e Hispanidade.

Atención a vítimas de violencia de xénero

A Xunta de Goberno Local do vindeiro venres dará luz verde tamén á adxudicación da contratación dos servizos do Programa de intervención de apoio familiar e social con persoas usuarias da rede municipal de vivendas de protección para vítimas de violencia de xénero, que ten un orzamento de 37.000 euros. Será adxudicada previsiblemente á Fundación Aldaba, que presentou melloras na experiencia laboral en proxectos de intervención sociofamiliar con mulleres e/o menores en situación de violencia de xénero e que incrementa a formación en materia de igualdade do persoal en 60 horas.

O alcalde explicou que amais da “salvagarda física, o apoio moral e a atención, unha parte moi importante desta loita é o emprego e a independencia económica” e, con ese fin, nace este programa. O Concello dedica anualmente á loita contra a violencia de xénero 1,5 millóns de euros e a cidade conta cun espazo de acollemento para vítimas de toda Galicia porque “esta lacra debe ser combatida con tódalas forzas dispoñibles”.

 

 

 

Descargar todas as imaxes