O goberno municipal recoñece o labor do voluntariado municipal
No Día Internacional dos Voluntarios, o Concello quixo recoñecer o valor do traballo que desenvolven as arredor de 800 persoas que participan na acción social na cidade da man do goberno da cidade.

No acto celebrado no Auditorio Municipal da Praza do Rei, o alcalde entregou os diplomas ás persoas que durante os últimos meses estiveron formándose en diferentes áreas: Iniciación Básica ao Voluntariado, Alfabetización dixital e trámites on-line coa administración, Voluntariado na intervención con mulleres en situación de risco de exclusión social, Autoliderado e xestión de emocións, Habilidades de comunicación e manexo de situacións difíciles ou Primeiros auxilios avanzado.
A oficina de voluntariado do Concello de Vigo conta 800 persoas rexistradas que participan en diferentes accións que eloxiou Abel Caballero: “están presentes en tódolos actos importantes da cidade, apoian a asociacións, colectivos de acción social, están en eventos culturais e deportivos, e forman parte do nervio de Vigo que traza tantas actuacións na cidade”.
Amais explicou que o goberno municipal colabora directamente con máis dunha vintena de asociacións que piden voluntarios e realiza charlas cidadás para prevención de adicións, para evitar condutas de risco, ensinanzas TIC...


